CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

María Solar presenta 'O meu pesadelo favorito'

Publicado o 26/02/2015 20:55




A xornalista da Televisión de Galicia María Solar acaba de presentar 'O meu pesadelo favorito', o libro gañador do prestixioso premio Lazarillo 2014. Conta a historia dun neno con febre que durante a súa convalecencia, nun puro delirio febril, recibe a visita de personaxes estraños, máxicos e divertidos.

A autora é María Solar, xornalista da Galega. 'O meu pesadelo favorito' preséntase en sociedade en Compostela avalado polo premio Lazarillo 2014, o máis antigo da literatura española xuvenil e infantil e que gañaron antes escritoras como Gloria Fuertes ou Ana María Matute. O galardón abre as portas da tradución a outros idiomas como o castelán.

"Pero o premio ao final é o do público. Eu estou moito cos pés na terra, e aínda que sei moi ben que é un premio moi importante o que relamente che importa é que a xente o lea. Unha presentación é sacar o libro dun caixón. Ensinarllo por fin á xente e dicirlle: "Isto é o que eu escribín e ti tes que valorar se che gusta", conta a escritora.

Conta María que o escribiu para escapar doutro libro non publicado aínda que lle fixera afondar e sacar cara fóra moitos sentimentos.

"Sentinme moi libre, escribín o que quixen e fun moi fantasiosa. Deixeime levar polos sentimentos e pola fantasía e saÍu este libro que agardo que lle guste á xente", di María Solar.

'O meu pesadelo favorito' é o conto dun neno que delira e soña durante un proceso febril mentres seu pais lle dan antitérmicos para baixarlle a temperatura. En cada capítulo, con cada desvarío do pequeno, aparecen personaxes máxicos que fan deste conto un libro ben divertido.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí