CRTVG

Buscar

María Jesús Lamas: "Dentro de 35 anos, a resistencia aos antibióticos causará máis mortes que o cancro"

Publicado o 05/08/2019 10:17

A galega María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamentos e Produtos Sanitarios, estivo este luns no plato do Bos días, onde explicou que o organismo que lidera é "é o encargado de dar garantías á cidadanía da seguridade, da calidade e da eficacia dos produtos que regulamos", e como consumidores ou pacientes debemos relacionarnos con eses medicamentos "con prudencia. Son un ben social importantísimo. É un ben moi valioso, e debemos confiar nos profesionais".

En España, explicou, "como tal hai uns 18.000 medicamentos". "Aumentan o número de medicamentos autorizados. Nalgúns casos porque o orixinal perde a pantente e poden saír xenéricos ou biosimilares. No caso dos xenéricos son exactamente iguais, pero o feito de perder a patente orixinal ten o efecto de baixar os prezos e modular o mercado. É unha das mellores estratexias para que todo o mundo poida acceder aos medicamentos", afirmou. "Logo están os novos, os orixinais, que cada ano aparecen uns cantos, pero nun número moito menor e son os que verdadeiramente ofrecen solucións terapeúticas novas".

Respecto á venda de medicamentos a través de Internet, a directora da AEMPS explicou que "está permitida para os medicamentos que non precisan receita e podense comprar directamente a unha farmacia, que teñen que estar rexistradas para a venda por Intenert. O que non se pode é comprar a intermediarios, porque isto poñería en risco a cadea de subministración dos medicamentos".

Os antibióticos

Unha das cuestións que nestes momentos máis preocupa no ámbito dos medicamentos é o consumo dos antibióticos.

"Na axencia coordinamos o Plan nacional de resistencia aos antibioticos, -afirmou María Jesús Lamas-, que é un problema que preocupa a nivel mundial. Sábese que a perda de eficacia dos antibióticos poñerá en risco a saúde das persoas, e que dentro de 35 anos causará máis mortes que o cancro. Por iso o uso prudente dos antibióticos é fundamental".

"A resistencia aos antibióticos é algo natural, coexiste coa vida das bacterias, pero sabemos que o uso intensivo de antibióticos favorece esa resistencia. Polo tanto, hai que traballar con dous obxectivos: diminuír o seu uso, e cando sexan de uso necesario usar os que se precisan e non outros de amplo espectro que favorecen esa resistencia". "A percepción que o cidadán ten do uso do antibiótico é fundamental. Tres de cada catro, segundo o eurobarómetro, cren que unha gripe se pode curar cun antibiótico. É hai unha percepción equivocada, e só curan infeccións bacterianas, non víricas", asegurou.

A directora da AEMPS tamén tratou outros temas, como os problemas de submistracións.

"Son unha prioridade para todas as axencias, non só da española, senón para todas as europeas. Pero deberiamos distinguir ben cales son os problemas de subministración, se é porque lle provoca unha molestia ao consumidor ou paciente porque non pode seguir tomando a marca á que estaba habituado; ou cando pode supoñer un problema de saúde pública porque non hai medicamentos para cubrir unha necesidade. Afortunadamente, isto non ocorre".

En canto ao brexit, afirmou: "Esperamos que non afecte negativamente. Levamos anos traballando nesta posibilidade e contemplamos incluso o peor dos escenarios. O certo é que o Reino Unido se convertería nun terceiro país e todos os produtos sanitarios feitos alí terán que pasar controis de fronteira cando chegan a España. Isto podería supoñer atrasos, pero non cremos que pase. Os laboratorios e as empresas trasladaron as sedes a países da Unión Europea. Fixeron os seus deberes ben. Así que o brexit non debería supoñer un problema".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí