CRTVG

Buscar

'María Castaña', o esqueleto milenario atopado no Brollón, pertence a unha muller

Publicado o 07/12/2017 14:07

O esqueleto duns mil anos de antigüidade que apareceu na Pobra do Brollón pertence a unha muller. Os restos óseos atopáronos os arqueólogos que escavan nunha zona en que tamén hai restos romanos e castrexos. Agora van analizar o esqueleto en distintos laboratorios europeos para saber como se vivía naquela época.

Estes son os restos óseos que apareceron no que foi a antiga capela de San Lourenzo, en Cereixa, na Pobra do Brollón. Teñen uns mil anos de antigüidade e atópanse nunha zona que tamén foi mina romana e castro. Aínda que na contorna hai numerosas tumbas, esta é a única na que se conservaron os ósos grazas a que están rodeados de rocha cuarcita, que frea o efecto corrosivo da arxila e a acidez do solo. Nun principio o esqueleto aparecido foi denominado 'Atilano' porque pola estatura se cría que se trataba dun home, pero os arqueólogos forenses están case seguros de que se trata dunha muller que tería entre 30 e 35 anos no momento da súa morte.

O esqueleto xa foi rebautizado como María Castaña, se ben esa figura histórica é moi posterior respecto dos restos atopados. Os especialistas van realizar unha especie de autopsia que permitirá coñecer a causa da morte da muller, a súa dieta ou as doenzas que padeceu. Ademais, expertos en distintas disciplinas de toda Europa van analizar os ósos en laboratorio para indagar con máis profundidade na forma de vida nesta parte de Galicia hai un milenio. Na tumba, á parte do esqueleto, apareceu un obxecto metálico nunha das mans da muller que podería corresponder a un crucifixo.

O castro de Cereixa é un dos máis importantes xacementos de Galicia posto que nel conviven elementos da cultura castrexa, restos de explotacións mineiras romanas, tumbas medievais e construcións da idade moderna.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2017