Mari Paz Crespo fai cen anos despois de pasar dúas veces a covid−19
A dureza do coronavirus caeu, sobre todo antes da vacinación, nos nosos maiores. Por iso queremos contar a historia incrible de Mari Paz Crespo. Tivo covid−19 con 98 anos e recaeu con 99. Hoxe, no día en que fixo 100 anos rodeada da súa familia, permitiunos acompañala. Aínda lle quedan folgos para soprar máis de cen candeas.
Cando Mari Paz naceu en Asturias no ano 1921 a revista Nós tiña un ano e Castelao 35. A ciencia descubriu a insulina para a diabetes e Emilia Pardo Bazán acababa de finar.
Como a nai de Mari Paz morreu cando ela só tiña cinco anos, traballou desde nena. De xornaleira, na cantina do pai en Infiesto, fregando casas. Co pai republicano encarcerado, nunha visita namorouse do garda do bando nacional que o velaba. Era do Porriño.
Hoxe, en 2021, celebra con sidra e fabada que segue viva aos cen anos. Ten catorce bisnetos, doce netos, o máis pequeno de corenta anos, e catro fillos, o menor, de 70. E todos estaban en Nigrán para a conmemoración. Mari Paz soprou as candeas dos cen. Pareceunos que ten folgos dabondo para os 101. Parabéns.