CRTVG

Buscar

Marea pide unha rectificación do Goberno de Inés Rey tras a sentenza que o condena por vulnerar os dereitos de participación dos seus concelleiros

Publicado o 31/08/2021 14:02
EFE

A portavoz da Marea Atlántica, María García, pediulle este martes unha "rectificación" á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, despois de que o Concello fora condenado por vulnerar o dereito fundamental á participación en asuntos públicos do grupo. O Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña condena o Goberno local a "repoñer á demandante", ao estimar a denuncia interposta pola Marea Atlántica por inadmitir no pleno do 24 de febreiro dez emendas da formación.

Aínda que o executivo de Inés Rey pide ver a sentenza "con normalidade", ao ser froito dunha "discrepancia", a portavoz da Marea denunciou a deriva "autoritaria" dun goberno que, ao seu xuízo, actúa en "minoría absolutista". "Esta sentenza cuestiona a imaxe de Goberno de diálogo que se tenta trasladar. Ese diálogo non existía”, remarcou García, que considerou que a alcaldesa, quizais "mal asesorada", tomou na sesión plenaria "unha decisión errónea".

A representante da Marea recalcou que, ao inadmitir o debate das súas emendas, a rexedora "vulnerou non só os dereitos fundamentais da Marea, senón de todos aqueles coruñeses" que votaron o partido.

Pola súa banda, desde o Concello da Coruña indicaron que cando hai "unha discrepancia" é "normal" acudir a un xuíz, "que para iso están", pero que, nesta ocasión, "referenda unha interpretación distinta" da do Goberno local.

Noticias web

31/08/2021