CRTVG

Buscar

Marcha reivindicativa contra os 1.000 despedimentos en Alcoa

Publicado o 13/07/2020 14:39

Contra as oito da mañá arrancou ás portas de Alcoa unha marcha reivindicativa contra os mil despedimentos. Por quendas, traballadores, familiares e veciños percorren este circuíto sumando quilómetros que simbolizan a carreira de fondo á que se están vendo sometidos os traballadores fronte ao ere que propón a empresa.

"Simboliza o que estamos a vivir, un camiño longo e duro, pero queda demostrado o apoio que temos dos traballadores e da comarca. É espectacular o que estamos vivindo hoxe aquí", sinala Diego Ballesteros, voceiro de UXT en Alcoa.

Cada tres voltas a este particular circuíto suman un quilómetro e queren superar o 1.000. A cifra de empregos que estiman están en perigo e queren chamar así a atención do Congreso e da empresa.

"Reivindicando unha problemática nestes días previos ao debate no Congreso da iniciativa do BNG para pedir a intervención ou a nacionalización desta empresa", explica José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.

"Se Alcoa non quere seguir producindo aluminio neste país, que marche, pero que permita que veña alguén producir aluminio e que non paren as cubas", di Xosé Paleo, voceiro da CIG en Alcoa.

As mobilizacións continuarán nos vindeiros días á espera de ver que pasa coas reunións pendentes coa empresa debido ás restricións de mobilidade en parte da Mariña.

Noticias web

13/07/2020