CRTVG

Buscar

Marcha do Orgullo 2021: "Os dereitos humanos non se negocian, lexíslanse. Lei integral trans xa"

Publicado o 03/07/2021 21:54

Ás oito comezou a marcha do Orgullo, que este ano tiña limitada a súa participación a 25.000 persoas. Sen escenarios nin carruaxes, con máscaras de arcos da vella e unha mensaxe ben clara: "Os dereitos humanos non se negocian, lexíslanse. Lei integral trans xa". E é que a celebración de hoxe chega despois de aprobarse este martes o anteproxecto de lei que despatoloxiza a transexualidade e recolle a autodeterminación de xénero.

"Nin un paso atrás ante os discursos de odio; nin un paso atrás diante dos asasinatos; nin un paso atrás ante a transfobia; nin un paso atrás ante a LGTBfobia; nin un paso atrás ante os cómplices, PP e Ciudadanos da ultradereita, de Vox. Non daremos nin un paso atrás e hoxe ocuparemos o espazo que nos queren quitar." Decía Uge Sangil, presidenta da Federación LGTB.

E a protesta ten aínda expectativas maiores con vistas á tramitación desta lei. Reclaman que o cambio de sexo estea permitido desde os 12 anos, no anteproxecto recóllese desde os 14, e que se recoñezan os dereitos das persoas non binarias e das persoas trans migrantes.
Na marcha participou a ministra de Igualdade, Irene Montero, acompañada das súas compañeiras de formación.
"Creo, como dicía Javier Ambrossi o outro día, que o Orgullo sempre é unha festa dos que nunca foran convidados a unha festa. Nunca máis unha festa sen as persoas LGTBI, nunca máis unha festa sen as persoas trans. E creo que hoxe estamos onde temos que estar: do lado correcto da historia, gozando, celebrando e reivindicando este Orgullo, que é tamén de reivindicación de dereitos".

Tamén participou o titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e a vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís. A comitiva de Ciudadanos fora increpada na marcha de 2019 polas súas alianzas municipais con Vox. Nin representantes deste partido nin do PP participaron neste acto.

Noticias web

03/07/2021