CRTVG

Buscar

Mar e espazos naturais para un verán marcado pola COVID

Publicado o 20/05/2020 20:56

Lévao no nome, mar e aire e nin sequera hoxe faltou unha cometavoando na Aguieira para lembrarnos as cualidades de lugares como Porto do Son para os que xa pensan nas vacacións de verán.

Desde o concello aseguran que reciben moitas chamadas de xente que busca alugar vivenda ou consultar como vai o protocolo das praias, segundo comentou o alcalde da vila, Luís Oujo.

Este concello conta con 27 quilómetros de praias urbanas pero tamén salvaxes e o concello pensa en aumentar o persoal de información turística e auxiliares da policía local para informar os visitantes, en tempo real, sobre os areais onde poden gardar mellor o distanciamento.

Nas inmobiliarias din que reciben chamadas desde Andalucía ou País Vasco, pero sen saber exactamente cales serán as condicións desas comunidades. Pero o que semella rotundo é que a xente busca mar e natureza.

No concello tamén optan por permitir o uso de máis espazo público para a hostalería para que haxa máis posibilidade de terrazas. E aseguran que con responsabilidade é posible compatibilizar a actividade turística, que é a principal da vila, co coidado da saúde.

Noticias web

20/05/2020