CRTVG

Buscar

Manuel Valls: "Ciudadanos converteuse no partido que pacta cunha formación reaccionaria e antieuropea"

Publicado o 19/06/2019 12:22

O ex-primeiro ministro francés Manuel Valls cargou contra Ciudadanos pola súa estratexia "irresponsable" de buscar "o canto peor mellor" sen propoñer unha alternativa en Cataluña, así como polos seus pactos indirectos cos "reaccionarios" de Vox no Estado, onde ao seu entender pugna para substituír o PP.

"Non se pode pintar sempre España en branco e nego. Dise liberal, progresista e europeísta, pero Ciudadanos converteuse no partido que pacta de feito cunha formación inliberal, reaccionaria e antieuropea", sostivo nuna conferencia de prensa no Concello de Barcelona. "Non vale esconderse detrás do Partido Popular", dixo.

Valls rompeu este mércores o silencio, logo da ruptura da súa plataforma, Barcelona pel Canvi, co partido que preside Albert Rivera, que lle botou en cara que apoiara a reelección de Ada Colau como alcaldesa.

Para Valls, a conversión de Ciudadanos nun partido que se meteu na "loita de dereitas" deixou "orfos" moitos votantes dos que apostaron por Inés Arrimadas nas eleccións catalás do 21 de decembro de 2017.

"Compartín moitas cousas con Ciudadanos, pero pouco a pouco ese partido foise convertendo nun partido diferente", insistiu Valls, que explicou que se non rompeu con Rivera tras as eleccións andaluzas foi polo seu "compromiso con Barcelona".