CRTVG

Buscar

Manuel Lago renuncia á acta de deputado para incorporarse ao equipo da ministra de Traballo

Publicado o 21/01/2020 10:01

O ata o de agora portavoz parlamentario do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, asegurou este martes que renuncia á súa acta no Hórreo ante a "ilusión" e o reto que lle supón "traballar no primeiro Goberno de coalición de esquerdas na recente historia democrática de España".

Nunha misiva remitida á prensa, Lago sinala que o "pesar" de abandonar o Parlamento na recta final da lexislatura "só se compensa pola ilusión que Galicia ten que deixar atrás a década perdida que se iniciou en 2009" xa que a formación do Goberno de coalición no Estado demostra que se pode articular maiorías a través da alianza das forzas da esquerda.

"Cambio de lugar, pero non de obxectivo: conseguir un cambio político e social no noso país que mellore o benestar da cidadanía" remarca Lago na súa carta.

O economista asegura que despide a súa etapa no Hórreo con pena para incorporarse ao Gabinete do Ministerio de Traballo e Economía Social que dirixe a ferrolá Yolanda Díaz, despois de máis de tres anos no Parlamento que para el foron un "período intenso e enriquecedor".

"É unha honra que nunca esquecerei, e polo que sempre lle estarei agradecido ás persoas que me elixiron nas primarias para formar parte da candidatura de Unidade Popular, e ás que logo converteron a nosa candidatura na forza máis votada na esquerda", conclúe.

Manuel Lago xa non participará esta mañá na reunión da Xunta de Voceiros á que acudía desde que fose nomeado portavoz do grupo o pasado mes de xullo; á mesma acudirán Antón Sánchez e Eva  Solla.

Tras a súa renuncia, segundo as listas coas que concorreu En Marea ás eleccións de 2016, a súa substituta sería Mariló Candedo, afín a Villares.

Por tanto, este movemento podería deixar ao Grupo Común da Esquerda cun deputado menos debido a que Candedo se incorporaría ao Grupo Mixto tras tomar posesión no pleno ordinario da próxima semana.

Así, o Grupo Común da Esquerda pasaría de 10 a 9 deputados, e os seus antigos socios da Marea, agora no grupo Mixto, pasarían de 4 a 5 escanos, chegando así ó mínimo esixido para formar un grupo propio, o que dependerá de que a Mesa do Parlamento acepte esa petición.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020