CRTVG

Buscar

Manuel Lago: "En setembro ten que haber goberno de esquerdas"

Publicado o 29/07/2019 10:14

O voceiro do grupo de En Marea no Parlamento Galego, Manuel Lago, estivo este luns no estudio do Bos días, onde, en primeiro lugar, falou da situación que vive a institución do Valedor do Pobo, e a recente proposta de María Dolores Fernández Galiño: "Paréceume ocasión perdida. A Valedora do Pobo leva uns anos cun problema reputacional tremendo, nestes anos foi un instrumento do goberno da Xunta fronte os intereses do pobo. Debería aproveitarse a dimisión para facer un proceso consensuado de todos os grupos parlamentarios para elixir unha persoa que representara a todos. Non o quixo o PP, decidiu unha persoa, chegou a acordo de repartimento co Partido Socialista, un acordo en que non participamos o resto dos grupos parlamentarios".

"Non estamos de acordo porque supón volver colocar a Valedora do Pobo como persoa de parte", dixo Lago, quen non quixo a entrar a valorar a candidatura de de Fernández Galiño: "Non opinamos sobre a persoa, que ten boas referencias, estamos en contra do procedemento. A forma de elixir unha persoa é moi condicionante de como vai facer o seu traballo. Cando se elixe de forma sectaria, empézase a xerar un problema, como nestes tres anos en que xa vimos a desgraza do procedemento".

Tamén foi moi crítico Manuel Lago coa designación de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo: "Alberto Núñez Feijóo, como presidente do Partido Popular de Galicia, nomea luns delegada do PP en Vigo para reconstruír partido, e unha semana despois, Feijóo como presidente da Xunta, nomea esta persoa delegada da Xunta. Significa que o Goberno da Xunta lle dá os medios económicos e institucionais para que reconstrúa o PP en Vigo. Iso, na nosa opinión, é unha inaceptable mestura de intereses de partido con intereses de goberno".

En canto á investidura frustrada de Pedro Sánchez dixo que "podemos analizar as culpas e introducirnos na melancolía, pero hai que deixalo atrás. O que se produce é enorme frustración en todas as persoas da esquerda, que esperaban un goberno progresista. Hai que aprender dos erros".

Non quixo poñer nome aos responables, Lago asegurou que "foi unha negociación levada, non ten sentido estar tres meses sen facer nada e intentar resolver esa negociación en tres días. Foi un erro enviar a mensaxe confusa de distitntas alternativas. En setembro ten que haber goberno de esquerdas".

Para iso, o voceiro parlamentario de En Marea cre que "a idea fundamental é construír programa de goberno conxunto. É o elemento clave, e a partir de aí é cando se debería habrir o debate de cal sería o goberno máis eficiente para levar a cabo ese programa. Esa ten que ser unha das leccións desta investidura. Porque non se trata só da investidura, é de gobernar durante 4 anos".

Para Manuel Lago, non hai outro camiño que o do acordo e que haxa un goberno, "ten que habelo", dixo, conducir o país a novas eleccións é irresponsabilidade extraordinaria. O país non se pode permitir iso, hai moitos problemas que precisan unha solución e a cidadanía xa votou. Non se trabucou, eliximos maioría de esquerdas, non hai porque volver votar e a tarefa de PSOE e Unidas Podemos é materializar ese mandato cidadán en goberno. Xogar coa idea de novas eleccións é unha irresponsabilidade que non se debe aturar por parte da cidadanía".

En canto á situación en Galicia, Lago non contempla a posibilidade dun adianto electoral: "A lexislatura en Galicia remata en setembro do ano 2020, o PP ten unha maioría sólida, e non hai motivo para acortar a lexislatura", afirmou.

A pesar dos problemas vividos pola súa formación nos últimos tempos, Manuel Lago cre que En Marea ten futuro: "Galicia está na vangarda de construción de espazos políticos. Empezou con AGE, seguiu coas mareas municipalistas, e logo con En Marea como primeira forza da oposición e vaise materializar nunha nova expresión electoral no 2020. É un proceso en construción, e vai haber alternativa popular no 2020, que non lle quede dúbida a ninguén", asegurou. "Nós tempos unha responsabilidade ante a cidadanía que nos colocou como primeira foza da oposición e aproveito para pedir desculpas aos cidadáns pola ruptura do grupo de En Marea. Foi unha mala xestión pola que debemos pedir perdón e aprender a lección para facelo mellor na próxima lexislatura".

En canto á posibilidade de que Alberto Núñez Feijóo sexa candidato ou non nas próximas eleccións preferiu non entrar a debater esa posibilidade: "O baile de se se anticipan as eleccións ou se Feijóo se presenta ou non é o baile permanente da política galega. Négome a participar nese debate. Feijóo non é o centro do país, o PP non é o centro do país. Que elixa candidato cando queira, que convoque cando queira, eu non vou entrar nese debate", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí