CRTVG

Buscar

Manuel Joaquín Reigosa: "As sociedades máis potentes serán as que aposten polo coñecemento"

Publicado o 04/07/2019 10:12

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, catedrático de Fisioloxía Vexetal, e titular do cargo desde abril do ano pasado, nunha entrevista no Bos Días falou dos retos de futuro que ten a súa institución: "Algúns son comúns a todas as universidades do Estado, que teñen que ver coa renovación dos cadros de persoal, moi especialmente o persoal docente e investigador", dixo.

"Durante a crise as universidades sufriron moito, e agora toca renovar o persoal", asegurou "e un profesor universitario non se improvisa, formalo leva moito tempo". "Agora mesmo estamos facendo esforzos para coller de novo pulo e colocarnos na vangarda da investigación e a docencia", dixo o reitor.

Para acometer ese reto Reigosa dixo que "hai canteira porque a xuventude ten uns niveis de formación moi importante. Moitos deles tiveron que emigrar durante a crise e agora están ocupando postos de relevancia no estranxeiro".

O reitor da universidade viguesa tamén tratou o problema dos recursos económicos da educación superior: "Temos un problema grave de financiamento, non só do financiamento estrutural das universidades, senón tamén da investigación que se perdeu durante a crise e vai tardar en recuperarse", afirmou.

Reigosa ten claro que por alto que poida parecer o custo, o investimento vai ter retorno: "As sociedades máis potentes serán as que aposten polo coñecemento, cunha tripla entrada, con mozos que se formen e entren no tecido produtivo; por outra banda a investigación, pura ou aplicada; e logo a transferencia, que é unha pata que cada vez hai que coidar máis", dixo. "Hai que facer aínda moito labor de apostolado para convencer de que a longo prazo o futuro está no I+D+i, senón estamos chamados a perder competitividade, porque senón estamos condenados a ser un país de servizos. Non está mal ter servizos, pero precisamos algo máis".

O resultado a medio e longo prazo, segundo Manuel Reigosa, non serán só económicos: "Hai que fortalecer esas capacidades para facer, seguramente, unha sociedade máis próspera, e tamén máis xusta na que o reparto do beneficio chegue a todos. Se perdemos ese tren estamos perdidos como país".

E sobre o debate aberto sobre as titulacións con menos demanda no mercado laboral, quixo ser claro para explicar que non se pode só medir a rendabilidade neses termos: "Entendemos ademais que titulacións que hoxe teñen pouco tirón, igual o teñen en cinco ou seis anos. Por iso hai que ser coidadosos e hai que traballar para que os custos da educación non se disparen pero mantendo unha oferta ampla. Refírome especialmene ás Humanidades. Unha sociedade como pensamos que debe ser a sociedade galega, creo que non debe perder a mirada nas Humanidades", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí