CRTVG

Buscar

Manterse activos socialmente, o segredo dos centenarios galegos

Publicado o 11/08/2019 21:42

En Galicia hai 1.502 persoas con cen anos ou máis. Pontevedra concentra a maior porcentaxe deles. Por iso viaxamos ata esta provincia, ao concello de Silleda, onde vive unha muller que acaba de facer 110 anos e a Baamonde, onde outra celebrou hoxe o século de vida.

Galicia é a terceira comunidade máis envellecida de España. Un 24,3% da súa poboación é maior de 65 anos. Ourense é a provincia galega con máis maiores e Pontevedra a que máis centenarios ten, suma máis de cincocentos. E nesta provincia, na parroquia de San Tirso de Mándoas no concello de Silleda, vive Ramona Costoya, unha muller que fixo este sábado os 110 anos:

"Nacín nunha aldea aí abaixo que se chama Andamollo. Se tiven vacas? Tiven, ho! O meu marido tamén traballaba... Non! Xa chegaban as vacas, para dar trabalo!".

A coidadora de Ramona, María José Domínguez, comenta que "naceu no ano 1909. Falando con ela, ela enténdenos moi ben, porque ela ten todo o coñecemento. E é unha marabilla de señora, mais é moi boa".

E de Guitiriz é Maruxa Vilas. Fai o século de vida celebrándoo cun brinde e un xantar cos seus sobriños e demais familia: "Meus pais eran moi listos. Chamaban sempre a un xornaleiro... Nós iamos sempre a escola. Traballábamos no campo e eramos moito. Eramos once... Dez!, porque unha morreu o pouco tempo de nacer".

O sobriño de Maruxa, Xosé Luis L. Vilas, explica: "Celebra cen anos. Soamente lle queda unha irmá, que é miña nai, precisamente, e unha cuñada. Estamos todos os primos, como podedes ver... E fillos de primos. E imos celebrar, evidentemente, unha xornada de ledicia!". "E emborracharnos se podemos!", remata Maruxa.

A Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) demandou esta semana ao Goberno do Estado un redeseño do apoio aos maiores, para non limitalo a "unha óptica asistencial". Materse activo socialmente é parte do segredo dunha longa vida e a atención ás persoas máis que as súas enfermidades é parte vital do traballo dun xeriatra, aseguran.

Na nosa comunidade hai 1.502 persoas con cen anos ou máis.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/08/2019