CRTVG

Buscar

Manter as medidas restritivas e acelerar a vacinación, fundamental para reducir os contaxios

Publicado o 06/02/2021 19:31

"Estamos mellorando pero aínda é moi cedo para botar as campás ao voo", di Luis Vázquez Mourín, médico especialista en análises clínicas. Descartado o confinamento duro, este especialista defende que se siga coas medidas restritivas e cos cribados para cortar a cadea de contaxios. E non entende que se volva caer no erro de pensar en aproveitar a Semana Santa, como antes se fixo co verán e co Nadal, que trouxeron a segunda a terceira vaga da pandemia.

"Xa sei que algún político a nivel estatal xa está falando de Semana Santa, de retomar as viaxes, penso que é un erro grande". "Eu penso que tal como estamos agora, se cumprimos todas as medidas que nos mandan, con iso e unha vacinación rápida, e facendo moitísimas probas diagnósticas sería suficente para baixar a incidencia a cifras bastante aceptables, pero claro se estamos a pensar que na Semana Santa non podemos prexudicar certos sectores, pois entón imos ter unha nova vaga con total seguridade, claro", indica este médico especialista en análises clínicas.

Outro perigo para esa hipotética cuarta onda é a cepa británica, que ten máis capacidade de infectar e que en poucas semanas vai ser a dominante. Por iso é prioritario vacinar canto antes.

"O que precisamos é que se vacinen as persoas que teñen máis de 60 anos e que están na súa casa, persoas con dependencia, persoas con patoloxías crónicas graves, esta xente, esta xente necesita vacinarse canto antes", asegura Vázquez Mourín.

Luis Vázquez cre que non se debe vetar ningunha das vacinas que hai no mercado, tampouco a chinesa ou a rusa.
 

Noticias web

06/02/2021