CRTVG

Buscar

Mantense o aviso amarelo por treboadas na montaña de Lugo

Publicado o 05/07/2019 12:56

Máis de tres mil raios caeron en Galicia onte pola tarde. Non é a cantidade récord, polo menos desde que MeteoGalicia os contabiliza hai oito anos. De cara ás próximas horas, mantense o aviso amarelo por treboadas na montaña de Lugo.

No mapa que nos amosan en MeteoGalicia atopamos o causante do tempo inestable que estamos a ter estes días. O embolsamento de aire frío situado a carón de Portugal trouxo chuvascos treboentos. En zonas do interior de Galicia contabilizáronse tres mil vinte e seis raios este xoves.

Son moitos, pero o 26 de maio de 2017 rexistráronse tres veces máis. 

Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia "Hai que pensar que en MeteoGalicia levamos 8 anos rexistrando os raios. O valor máis alto está en 10.000 raios. Para que nos fagamos unha idea que o de onte non é un valor de récord histórico"

 Para esta tarde mantense o aviso de nivel amarelo por treboadas en zonas da montaña de Lugo, entre as tres da tarde e as nove da noite.

Espéranse chuvascos con lóstregos e ocasionalmente sarabia.

Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Hoxe teremos chuvascos, algúns treboentos, sobre todo afectarán o interior de Galicia, as zonas altas do leste. Esta situación de inestabilidade atmosférica persistirá aínda durante o sábado, o domingo e o luns, pero serán treboadas moi localizadas. Non se parecerán en intensidade ás rexistradas onte."

Se se cumpren as previsións, a partir do martes rematará a inestabilidade ao recuperarse a influencia do anticiclón.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/07/2019