CRTVG

Buscar

Mantense en 164 o número de falecidos diarios en España, e baixan a 356 os contaxios

Publicado o 04/05/2020 12:26

Os datos do Ministerio seguen a amosar a melloría nas cifras. Nos últimos días víñase mantendo o número de vítimas mortais por debaixo das 300. Onte baixou ata os 164 mortos en 24 horas, e esta cifra volve ser hoxe a mesma: 164 falecidos diarios.

O total de persoas que morreron vítimas do coronavirus é de 25.428. 

Os contaxios tamén chegaron á súa porcentaxe diaria máis baixa ata quedaren no 0,16 % de media en España, fronte ao 0,39 % de onte. O número de contaxios está por primeira vez por debaixo dos 400 diarios; onte rexistráronse 356. O domingo foi a primera vez que se notificou unha cifra por debaixo dos mil: 838.

O total de positivos por PCR de que dá conta o Ministerio de Sanidade é de 218.011. Deles, 43.325 son persoal sanitario.

O número total de persoas que xa están curadas é de 121.343; delas, 2.441 foron notificadas onte.

Por comunidades, Cataluña é a que rexitrou onte un maior número de contaxios 132, seguida por Castela-Leon con 51 contaxios. Madrid onte só notificou un contaxio. Murcia, Baleares, Valencia e Ceuta non notificaron contaxios: cero positivos por PCR.

En canto ao número de contaxios en total desde que comezou a pandemia, Madrid segue sendo a Comunidade que ten en total un maior número, 62.395. Séguea Cataluña con 50.366 positivos por PCR.

As comunidades que levan rexistrado un maior número de mortos son Madrid con 8.376, 44 onte, e Cataluña con 5.220, 35 deles onte.