CRTVG

Buscar

O incendio de Lobios en que faleceu un piloto portugués, activo tras arrasar 400 hectáreas

Publicado o 09/08/2020 20:11

O incendio de Lobios en que faleceu un dos tripulantes do hidroavión portugués e outro quedou ferido segue activo e xa arrasou 400 hectáreas, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural.

De acordo co último parte médico facilitado polo hospital de Braga, o piloto español de 39 anos que quedara ferido no accidente permanece "estable" e "fóra de perigo".

A aeronave participaba na extinción do incendio que afecta as localidades de  Lindoso, en Portugal, e de Lobios, en España, dentro do parque transfronteirizo do Gerês- Xurés. Un incendio que comezou na madrugada do sábado e que aínda está activo. Segundo fontes de Protección Civil de Portugal, a maior parte atoparíase en España e só unha quinta parte do lume estaría no país veciño.

Portugal está ata esta madrugada en situación de alerta por risco de incendio, declarada polo Goberno luso debido ás previsións meteorolóxicas para a fin de semana.

Xa en territorio galego, a maior parte da superficie afectada polo lume en Lobios é monte baixo, ardido reiteradamente ao longo dos anos, pero na parte máis baixa, o lume está arrasando tamén piñeiros.

"Hai unha mata de piñeiros bastantes bonitos e están todos queimados. Había lapas de máis de catro metros de altura", comenta un veciño de Ludeiros, na parroquia de Manín.

As dificultades para acceder ao lugar onde está o lume son o maior contratempo ao que teñen que enfrontarse os equipos de extinción. Hai poucos lugares onde poden chegar os motobombas. É o caso do punto que pode verse nas imaxes, e aínda así, hai que acceder por camiños foretais.

Noutros puntos, só poden actuar os medios aéreos, como sucedeu no lugar onde onte aconteceu o tráxico accidente que lle custou a vida a o piloto dun hidroavión. O outro piloto, de Salamanca, foi trasladado en estado grave, con politraumatismos, ao hospital de Viana do Castelo. Pendentes da súa evolución, e de aclarar as circunstancias do sinistro, os esforzos dos equipos de extinción, aos que se sumaron efectivos da UME, céntrase en atallar o lume que continúa activo.

Andrés Gea, axente medioambiental do Xurés: "Houbo un momento que case o tiñamos controlado, pero veu o vento, e co vento é moi difícil. De feito, había tanto vento que posiblemente tivo que ver na causa do accidente aéreo de onte".

Alberto Barja, xefe do Quinto Batallón da UME: "Chegamos onte. Estivemos toda a noite traballando no flanco esquerdo e na cabeza do incendio, que se orixinou onte á mañá".

O obxectivo prioritario é evitar que o lume atravese a pista forestal que bordea a serra, para mantelo afastado das vivendas.

"Menos mal que lle deu por ir para arriba, que se vén para abaixo arde o lugar", di unha veciña de Ludeiros.

Non é o único lume que afectou nos últimos días o Parque Natural do Xurés. O de Muíños, 50 hectáreas, está estabilizado, e extinguido o que queimou 30 hectáreas en Lobeira. E esta mañá empezou outro lume en Chandrexa de Queixa. O de Toén, está estabilizado tras queimar 250 hectáreas.

 

 

Noticias web

09/08/2020