CRTVG

Buscar

Mantense a tendencia á baixa no número de contaxios e de falecidos en España

Publicado o 28/04/2020 11:00
Mantense a tendencia á baixa no número de contaxios e de falecidos en España

Volve baixar o número de falecidos en España, 301 nas últimas 24 horas. Ata agora, a cifra máis baixa de falecidos desde o 20 de marzo foi a do domingo, con 288, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade.

• Coas persoas falecidas nas últimas 24 horas, 301, a cifra total de falecidos que facilitan desde Sanidade é de 23.822 desde o inicio da pandemia.

•  Tamén baixan os novos contaxios notificados ata os 1.308. O número de contaxios diarios está a baixar desde o xoves da semana pasada. A porcentaxe tamén segue baixando, a media de hoxe é do 0,6 %, cando a de onte era do 0,8 por cento.

O número de sanitarios contaxiados segue aumentando, e xa é de 38.361, segundo os datos do Ministerio de Sanidade.

• O total de positivos oficiais por PCR en España é de 210.773 persoas.

• As persoas recuperadas ata agora suman en total 102.548. Delas 1.673 son os pacientes recuperados nas últimas horas. Unha cifra que  volve ser superior ao número de contaxiados, que como dixemos antes, foi de 1.308 nas últimas 24 horas.

As comunidades autónomas máis afectadas polo coronavirus seguen sendo, por esta orde:

• Madrid, con 59.421 contaxios en total, 295 positivos por PCR rexistrados onte; a taxa de crecemento é do 0,5 %. O total de falecidos na comunidade de Madrid é de 8.043; deles, 62 faleceron onte.

• Cataluña, con 48.158 contaxios, 403 positivos por PCR das últimas 24 horas, lixeira repunta respecto a onte; a taxa de contaxios e do 0,8%. O total de vítimas mortais son 4.808; delas, 109  faleceron onte.

• Castela e León ten 16.589 positivos testados por PCR en coronavirus, 185 novos positivos de onte; a taxa de contaxios é do 1,1 %. O número de vítimas motais nesta comunidade é de 1.710; delas, 20 morreon nas últimas 24 horas.

• Castela-A Mancha, con 15.706 persoas positivas por PCR, 42 casos rexistrados onte; a taxa de contaxios é do 0,3 %. As vítimas mortais son en total 2.396; delas, 31 morreron nas últimas 24 horas.

A comunidade autónoma menos afectada segue sendo Murcia: ten 1.475 persoas contaxiadas testadas por PCR, 1 contaxio onte. Faleceron en total 130 persoas, dúas delas onte.

Nas cidades autónomas, hai 114 en Melilla, 4 deles son de onte. En Melilla faleceron 2 persoas desde que se iniciou a pandemia. E en Ceuta hai 100 persoas positivas por PCR en total, non se rexistran  casos desde o xoves pasado. Faleceron, en total, 4 persoas desde que comezou a pandemia.