CRTVG

Buscar

Mantense a suba de casos activos en Galicia (+146), case a metade na área de Santiago

Publicado o 24/08/2020 11:34

• A da Coruña diminúe o seu ritmo de crecemento (+29) | Aumentan as hospitalizacións: dúas persoas máis na UCI e catro máis en planta

 

Galicia segue sumando casos activos ao mesmo ritmo que en días anteriores, pero cunha distribución distinta entre as áreas sanitarias. Así, a de Santiago é nesta xornada a que máis casos activos rexistrou ao total de 2.452 (+146), notificados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

  • A Coruña: 1.236 (+29)
  • Lugo: 321 (+17)
  • Santiago: 274 (+62)
  • Ourense: 212 (+9)
  • Vigo: 155 (+1)
  • Pontevedra: 141 (+21)
  • Ferrol: 113 (+7)

 

Gromos

En Lugo rastrexan entre os asistentes a unha festa celebrada nun local onde xurdiu un gromo que suma alomenos 13 positivos.

Hai outro foco en Barreiros con 4 contaxiados da mesma familia tras a visita dun parente.

O silencio e a prudencia reinan no Incio tras o gromo declarado na residencia de maiores onde xa faleceron 3 usuarios. Hai 64 positivos entre traballadores e residentes.

E o gromo orixinado nun edifico de Monforte, xa suma 72 positivos.

Entre as localidades de Antas de Ulla e Monterroso identificaron un gromo con 10 positivos que poden ter relación co foco orixinado durante as festas do San Roque nos locais de ocio de Melide.

Precisamente a área de Santiago ocupa a terceira posición en número de casos: 274.

En Lalín teñen o foco posto na residencia onte se contaxiaron dous traballadores e 1 usuario, que trasladaron ao hospital por precaución.

Unha festa de aniversario foi a orixe dun gromo familiar que deu lugar a máis de 20 positivos en Santa Comba, onde o concello xa suspendeu todas as actividade municipais e incrementou as desinfeccións de espazos públicos e vulnerables.

A situación xera incerteza respecto do futuro inmediato dos centros educativos como a escola infantil, que tiña previsto abrir o dia 4.

En Ourense tamen pasan dos 200 casos activos, son 212.

Na area de Vigo semella ralentizarse o ritmo de contaxios, hai 155, 141 na de Pontevedra e en Ferrol, que hai un mes era zona libre de covid, xa superan o cento de positivos: 113. Alí, 3 profesionais do Arquitecto Marcide deron positivo e 20 compañeiros están illados e bloquearon 20 camas nunha planta por precaución.

Hospitalizacións e UCI

Do total de pacientes positivos, 12 están na UCI (+2), 70 en unidades de hospitalización (+4) e 2.370 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.956 persoas curadas. Non se notificaron pasamentos hoxe, polo que o número de falecidos segue en 633

O número de PCR realizadas onte é de 2.988, o que suma no que vai de pandemia 305.847.

En ampliación.