CRTVG

Buscar

Desactivada a situación 2 no incendio de Cualedro, onde arderon xa 1.300 hectáreas

Publicado o 14/09/2020 15:15

Medio Rural notificou ás 14.30 h deste luns que se desactiva a situación 2 no incendio de Cualedro, na parroquia de Montes, declarada pola a proximidade do núcleo de Carzoá, onde polo de agora xa non se corre risco.

Este incendio orixinouse o domingo arredor das tres da tarde e afecta xa 1.300 hectáreas, segundo os últimos datos avanzados pola Consellería do Medio Rural. 

Segue activo o outro incendio que tamén estaba en situación dous, desactivada dende hai horas. É na parroquia de Sabariz, no municipio ourensán de Rairiz de Veiga. O incendio, que permanece activo, queimou polo de agora 300 hectáreas.

O de Vilariño de Conso mantense activo e afecta a unhas 2.000 hectáreas, segundo as útimas estimacións. Segue activo o incendio declarado na tarde do sábado en Lobios, na parroquia de Río Caldo, que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. A superficie afectada neste caso é tamén dunhas 2.000 hectáreas. 

Son 700 as hectáreas afectadas no incendio de Vilar de Barrio que se mantén activo. No de Chandrexa de Queixa, tamén activo, hai 400 hectáreas afectadas.

Ademais, esta madrugada orixinouse un incendio na parroquia de Cernado, en Manzaneda, que afecta a unhas 150 hectáreas. Esta mañá tamén se notificou outro novo incendio no concello, na parroquia de Paradela, de 50 hectáreas polo momento.

Outros que permanecen activos son o de Vilardevós, dende esta madrugada, con 300 hectáreas afectadas, e o de Laza, dende o sábado, con 60.

En Ribas de Sil orixinouse outro incendio esta madrugada que afectaría máis de 60 hectáreas. Comezou en catro puntos diferentes de xeito simultáneo, polo que dende o concello apuntan a que foi intencionado.

Danse por estabilizados os dous incendios rexistrados en Maceda, que calcinaron preto das 130 hectáreas, e o da Gudiña, que afectou a 150 hectáreas.

Extinguiuse o de Cequeril, en Cuntis, que afecta unhas 25 hectáreas e deuse por extinguido o de Quiroga, en Lugo, que calcinou 53,09 hectáreas.

No concello de Muíños acaba de declararse un incendio de seis hectáreas (14.54h).