CRTVG

Buscar

Mantense a presión hospitalaria a pesar do lixeiro descenso de contaxios

Publicado o 30/01/2021 14:22

Nunha entrevista na Radio Galega, a directora xeral de Saúde Pública explicou que a situación epidemiolóxica de Galicia comezou a mellorar moi lixeiramente nesta utima semana, desde o venres pasado, en que se acadou o pico de contaxios con 1.800 casos.

Carmen Durán, directoral xeral de Saúde Pública: "Non obstante aínda non vemos un descenso claro da curva, o que vemos é unha lixeira tendencia ao descenso que ten que consolidarse nos próximos sete días".

Ese descenso, de consolidarse, non mellorará a situación dos hospitais ata pasados vinte días máis, sobre todo na Coruña, Ferrol e Ourense. Tamén preocupa Pontevedra, máis pola escaseza de recursos que polo número de ingresados.

Carmen Durán, directoral xeral de Saúde Pública: "Tamén é certo que o plan de contixencia da comunidade, garante que aos doentes váiselles dar asistencia tanto nas unidades de críticos coma nas hospitalizacións baixo o concepto de que Galicia é un hospital único. É dicir, que temos capacidade se non na mesma provincia, noutra".

Tamén o xerente da área sanitaria de Ourense cre que a presión hospitalaria seguirá aumentando pero asegura que aínda hai marxe. Félix Rubial explica que a incidencia acumulada na provincia rolda os 900 casos pero xa se albisca o final do pico desta terceira onda da pandemia. Nesta área sanitara, preocupa a evolución no Carballiño. A incidencia acumulada está por baixo da media da provincia pero os contaxios están medrando.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense: "Si que leva un crecemento, tórpido, lento pero progresivo e imparable no número de casos activos e ademais son casos con bastante dispersión no tocante á súa traza epidemiolóxica, por tanto é imprescindible facer ese cribado que imos facer mañá con 2.000 persoas".

Segundo datos da Dirección Xeral de Saúde, o índice de participación nestes cribados masivos é moi alto, responden o 90 por cento das persoas citadas. Só na ultima semana realizáronse case 90.000 probas deste tipo en toda Galicia, das que 42.000 corresponden á área da Coruña, 20.000 a Vigo e 10.000 a Santiago.

Noticias web

30/01/2021