CRTVG

Buscar

Mantense a distribución da velutina, pero aumentan os enxames

Publicado o 03/04/2019 15:29

A porcentaxe de zonas de alto risco por avespa velutina vai medrar este ano en Galicia, segundo prevé un programa de intelixencia artificial da Universidade de Santiago. Vai aumentar a cantidade de niños nos vales do Sil e do Miño, mentres que onde a implantación xa é máxima non se prevén cambios.

Científicos e apicultores buscan un punto de partida común para loitar contra á avespa velutina. Nun encontro celebrado no Consello da Cultura Galega, o doutor en Bioloxía Luis Rodríguez presentou un proxecto que permite prever a evolución desta especie monitorizando as variables que máis lle afectan, o clima e o solo. Segundo este estudo, a distribución por territorios vaise manter este ano, pero vai aumentar a cantidade de enxames, e as zonas de alto risco van pasar dun 7,4 a un 8,8% da superficie.

Luis Rodríguez, doutor en Bioloxía da Universidade de Santiago: "Vai haber unha pequena intensificación en zonas con intensidade baixa, vai haber máis intesidade de niños, sobre todo en zonas dos vales do Miño e o Sil, en Ourense. Na costa norte é optima para o seu asentamento e o clima non vai cambiar tanto como para que desapareza a velutina. A intensificación xa é máxima e non se prevén cambios", di 

Membros da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia resaltaron no mesmo encontro a falta de medios para investigar posibles métodos de loita contra o insecto.

"Non hai recursos para investigar a avespa velutina. É unha realidade, triste, pero unha realidade", lamenta Xesús Feás, membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/04/2019