CRTVG

Buscar

Galicia mantense por riba dos 200 contaxios diarios e suma tres falecidos

Publicado o 24/09/2020 23:59

Galicia mantense por riba dos 200 contaxios diarios e suma tres falecidos de entre 87 e 93 anos.

Nas residencias de maiores seguen aumentando os casos, detectáronse positivos noutros once centros de toda Galicia.

Na residencia de Lobeira os únicos catro anciáns que deron negativo viven illados do resto. Deste centro, dous usuarios ingresaron no hospital, segundo informa a xerencia do centro, da Fundación San Rosendo. Os traballadores están en corentena nos seus domicilios, estase incorporando un cadro de persoal novo e nos vindeiros días faranse máis cribados.

Agora mesmo hai casos de coronavirus en 31 residencias de maiores galegas e en seis centros de discapacidade. A suma é de 425 casos activos. Na Ballesol de Oleiros subrion a 32 e en Las Salinas, en Ourense, detectaron 19. A cidade das Burgas é a que ten agora as maiores restricións para evitar a transmisión do virus. No barrio do Couto, o máis poboado, prohíbense as reunións de mais de cinco persoas, e os bares só poden abrir as terrazas.

En Vilagarcía, tamén con restricións, realizaranselles probas PCR a todos os traballladores da hostalería, á Policía Local e ao persoal de axuda no fogar do municipio. Nesta localidade, a Xunta aplica as medidas porque cada infectado pode xerar entre dous e catro casos secundarios.

No lugar do Milladoiro, a carón de Santiago, a taxa de incidencia disparouse, con gran cantidade de leves e asintomáticos, en parte por un evento de gran potencial de expansión da infección. Nesta área do concello de Ames tamén comezaron as limitación de capacidade e de reunión, as mesmas que ten a veciña Compostela. En total, en Galicia hai case 4.500 casos activos, dos que 34 están en coidados intensivos. Morreron 726 persoas coa covid−19 na nosa comunidade.