CRTVG

Buscar

Mantéñense as restricións nos concellos coa maior incidencia, como é o caso de Guitiriz

Publicado o 26/02/2021 14:07

Con apenas 5.500 veciños e 74 positivos, Guitiriz ten unha incidencia acumulada de 1.348 casos activos de coronavirus por cada 100.000 habitantes. É, actualmente, o concello galego cos peores datos, polo que se manteñen as restricións no nivel máis alto.

Están prohibidas as reunións de non conviventes, non se pode entrar nin saír do municipio salvo causa xustificada e a hostalería só pode atender pedidos para levar. Os hostaleiros lévano con resignación. "É o que nos tocou", dinos Pili Gaibor.

Outra hosteleira, Pili Cruz, recorda que coa actual normativa só poden vender comida para levar. "Nós queremos traballar, non mendigar. Se hai que pechar por unha cuestión sanitaria, pois ben. Pero ten que haber axudas, porque mandar cerrar é moi fácil", di.

Mentres nos concellos limítrofes da área sanitaria de Lugo a desescalada xa é unha realidade, os veciños de Guitiriz levan con resignación as restricións que aínda se manteñen dentro do seu perímetro. 

Unha veciña cóntanos a "paciencia" coa que levan a situación. "Estamos metidos na casa, facendo algún paseo e saíndo o xusto para facer unha compra unha vez á semana, e pouco máis", di.

Pero tamén hai persoas que veñen a Guitiriz por motivos de traballo. É un dos motivos polo que si se pode entrar ou saír de Guitiriz. "Hai que ter paciencia, esperar a que isto mellore, a que nos abran e que a xente tome conciencia de que hai que facer as cousas como é debido", sinala un visitante.

Con todo, o número de casos activos e mais a incidencia acumulada van baixando día tras día, polo que os guitiricenses agardan que as restricións non tarden en aliviarse.

Noticias web

26/02/2021