CRTVG

Buscar

Mantéñense as restricións e os peches nas cidades galegas

Publicado o 04/11/2020 08:12

O comité clínico que asesora a Xunta mantén as restricións de mobilidade e os peches perimetrais nas cidades galegas polo menos ata o venres, cando volva reunirse para analizar a situación epidemiolóxica.

A situación epidemiolóxica en Galicia segue sendo mala. Aínda que a curva de contaxios experimentou unha leve baixada nos últimos días, as hospitalizacións aumentan considerablemente.

Nas últimas 24 horas confirmáronse por PCR 425 positivos máis, e o total de contaxiados achégase paseniño aos dez mil. Esa cifra non se alcanzou na primeira vaga da pandemia.

E, sobre todo, aumenta a presión hospitalaria. A día de hoxe, hai 545 pacientes hospitalizados, 79 están en unidades de críticos. Contabilizáronse sete vítimas mortais máis e o total desde o inicio da pandemia elévase a 951 falecidos.

Nas áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago rexistrouse nunha baixada dos casos activos. Noutras como A Coruña, Pontevedra e Ferrol soben. Tendo en conta a incidencia en período máis longo, mellora a área de Ourense e preocupa, sobre todo, a evolución da área de Ferrol.

Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Ferrol: "Aínda que nestes últimos dous días estamos un pouco mellor, a realidade é que está aumentando o número de casos e os indicadores amosan certa preocupación na evolución da pandemia na área sanitaria".

É que os casos activos na área sanitaria de Ferrol achéganse ao millar. Son 982 contaxiados. No hospital Arquitecto Marcide hai 37 ingresados con covid-19, sete en coidados intensivos.

Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Ferrol: "Neste momento temos moita presión asistencial, somos quen de darlle resposta, pero temos que adiantarnos para garantir que iso se manteña ao longo das próximas semanas".

Un millón douscentos mil galegos de 23 concellos están afectados polas restricións de mobilidade e os peches perimetrais, que continuarán vixentes esta semana.

Noticias web

04/11/2020