CRTVG

Buscar

Mansa e brava, as primeiras variedades de oliveira galega recoñecidas oficialmente

Publicado o 10/11/2017 22:20

Por vez primeira dúas variedades de oliveira do país, a mansa e a brava, obteñen o recoñemento oficial. O traballo dos investigadores do CSIC fixo posible a legalización destas dúas castes únicas no mundo. A partir de agora os produtores poderán plantar mansa e brava e usar os seus nomes na etiquetaxe do aceite. 

Percorreron Galicia recollendo mostras de oliveiras centenarias. Mediron follas, froitos e ósos. Decribíronas e fixéronlles o perfil de ADN. Demostraron científicamente que a mansa galega e a brava galega eran únicas no mundo e merecían o recoñecemento que agora abre portas ao sector aceiteiro galego.

A idea é recuperar o cultivo das castes do país e ofrecer ao consumidor un produto diferente, ligado á terra e o clima, igual que se fixo co viño. A mansa e a brava son as primeiras, pero os investigadores xa teñen identificadas unha ducia de variedades galegas. Da man dos produtores e dos viveiristas van seguir traballando por recuperar e poñer en valor o ouro líquido das nosas oliveiras.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2017