CRTVG

Buscar

Manifestacións nunha ducia de vilas galegas contra o peche do paritorio de Verín

Publicado o 04/12/2019 20:34

Esta tarde celebráronse concentracións en distintos puntos do territorio galego contra o peche do paritorio de Verín. Na vila do Támega, a concentración realizouse perante as portas do hospital, baixo o lema 'Verín non se pecha', o mesmo que secundaron no resto das concentracións, convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres. Doce vilas e cidades galegas, como Santiago, Vigo ou a Coruña, participaron nesta convocatoria que proclama que "Recortar os dereitos das nais, tamén é violencia".

Sanidade insiste en que o peche do paritorio de Verín é unha decisión "responsable"

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que o peche do servizo de paritorio do Hospital comarcal de Verín, en Ourense, é unha decisión "difícil" pero "responsable", na que prima "a seguridade" dos nenos e nenas e das nais. Así se pronunciou o titular de Sanidade este mércores en resposta a unha interpelación e dúas preguntas formuladas por Común da Esquerda, PSdeG e o Grupo Mixto, quen cargaron contra a supresión do servizo, que atribúen a unha "decisión política", e avisaron de futuros recortes noutros hospitais comarcais.

"Priorizamos a seguridade das nais e dos neonatos sobre as críticas que estamos a recibir", asegurou o conselleiro, que se referiu ao descenso da natalidade na comarca de Monterrei. "Pasou dos 147 partos en 2010 a uns 60 este ano, o que supón unha diminución de case o 60%", indicou. A iso, engadiu que, os partos, na actualidade, son "máis complexos", debido a causas como a "maior idade das nais e as xestacións múltiples", entre outras. "É un proceso natural pero non carente de riscos", manifestou.

No seu discurso, tamén se referiu á "escaseza" de pediatras que afecta o conxunto do Sistema Nacional de Saúde e lembrou que, no caso do Hospital de Verín, quedaron sen cubrir dúas interinidades ao non presentarse ningún aspirante. Ademais, atribuíu ao goberno bipartito que este centro careza de servizo de Pediatría desde "2006" e sinalou que "o único pediatra" --de Atención Primaria-- que realizaba gardas no hospital comarcal "deixou de facelas por razóns de idade".

"Con estes datos e "contando co respaldo" de 44 xinecólogos e obstetras da área sanitaria, sociedades científicas, do Colexio Médico de Ourense, asegurou que se decidiu trasladar unicamente o acto do parto ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). "Preferimos tomar esta decisión antes de que teñamos que lamentar consecuencias irreversibles para unha muller e para o seu bebé", argumentou nun pleno no que considerou que "os mesmos que agora cuestionan unha decisión baseada en informes técnicos" criticarían á Xunta "se non tomase esta decisión".

Críticas en bloque da oposición

Enfronte, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla aproveitou a súa interpelación ao titular de Sanidade para esixir a súa "dimisión" por demostrar que "a súa palabra non vale nada". Así, lembrou que o conselleiro "dixo que non ían substituír pediatras na provincia de Ourense porque non había, pero que estaban a facer un esforzo para buscalos". "Dúas semanas despois pecharon ese servizo e o paritorio de Verín", denunciou.

Pola súa banda, o socialista Julio Torrado denunciou a existencia de "un recorte de servizos programado e sistemático" nos hospitais comarcais que, na súa opinión, "ten o seu fundamento unicamente nun criterio, o diñeiro". "Non hai ningún outro criterio técnico que o motive", indicou. Ademais, volveu a censurar que a Xunta acuda á "política do medo" para xustificar a súa decisión e chegue a afirmar que os profesionais poden perder "pericia". "Ese desprezo levou a máis de 20.000 persoas á rúa o pasado sábado", indicou.

Pola súa banda, a deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao asegurou que hai "un clamor" en contra da decisión de Sanidade e criticou que sexa "máis fácil" cargar a decisión sobre "as mulleres" que "xestionar ben" os servizos.

Profesionais do hospital de Verín, no Parlamento

Profesionais do hospital comarcal de Verín cargaron este mércores contra as "falacias" que segundo eles verteron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sobre o peche do paritorio do hospital de Verín por cuestións médicas. O xefe de Servizo de Obstetricia no Hospital de Verín e a matrona Belén Vázquez acudiron hoxe á Cámara -convidados polo Grupo Mixto- para seguir a intervención do conselleiro de Sanidade respecto diso e lamentaron que o responsable do departamento autonómico unicamente repetise "o mesmo discurso ou peor".

Tras escoitalo, admitiron, "a impresión segue sendo mala" porque continúan avogando por "desmantelar o hospital aos poucos" co que acabará "sendo un ambulatorio". A matrona incidiu en que neste conflito polo peche "o persoal é o de menos. O que nos preocupa son os dereitos das nais e dos nenos que se están perdendo" con esta decisión do Goberno autonómico.

Fronte ao documento esgrimido pola Xunta no que máis de corenta pediatras, xinecólogos e obstetras da área de Ourense apoian a decisión, os profesionais de Verín explicaron que todos eles corresponden ao hospital de referencia ao que se derivarían os partos. Con todo, remarcou, xa son varios os profesionais que pertencen a outros hospitais comarcais da comunidade que "avalan o que nós estamos a dicir" sobre a calidade do centro de Verín. Ademais, sinalou Vázquez, "non existe ningún informe técnico que avale que se poida quitar o pediatra dunha comarca".

Pola súa banda, Castrillo cargou contra a argumentación sostida polo conselleiro sobre que a "mellor incubadora é a nai" xa que entende que esta afirmación unicamente é correcta "se o neno está ben". Pola contra, dixo, "o útero pode ser un sitio letal" e pode ser "urxente sacalo de "forma inmediata"

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí