CRTVG

Buscar

Manifestacións en toda España polo 8-M

Publicado o 08/03/2019 15:10

Ás doce en punto da noite, centos de mulleres congregáronse na Porta do Sol para iniciar cunha cazolada esta xornada reivindicativa, que tinxiu de morado varios edificios públicos, como o Congreso.

Nunha xornada marcada pola variedade de actos, desde debates a pícnics, pasando por bailes ou percorridos en bicicleta, a bolsa madrileña abriu hoxe a sesión cun toque de campá pola igualdade de xénero. A vicepresidenta da CNMV avogou pola presenza equilibrada de mulleres no mundo da empresa e dos mercados.

O 20% dos empregados públicos secundan a folga en Madrid, e o sector do ensino está a ser un dos máis implicados nesta xornada. Os sindicatos fixan nun 80% o seguimento da folga nas aulas, principalmente no ensino superior e universitario. A manifestación de estudantes reuniu este mediodía en Madrid unhas 50.000 persoas, que corearon consignas feministas e contra o acoso sexual. En Cibeles celebrouse a concentración de Comisións Obreiras e UXT, que cualificaron de éxito o paro de dúas horas convocado para a xornada.

Con todo, o prato forte das mobilizacións na capital é a manifestación que partirá ás sete da tarde de Atocha, e que se agarda que sexa multitudinaria como o foi o ano pasado.

Mobilizacións noutras cidades

En Barcelona as mobilizacións pr ovocaron cortes en varías rúas do centro da cidade, o que motivou a intervenión das forzas de seguridade. Esta mañá rexistráronse tamén lixeiros atrasos no metro barcelonés. Ademais hoxe todo o Goberno catalán suspendeu a súa axenda. Andalucía rexistra tamén mobilizacións multitudinarias, como no caso de Granada Málaga ou Sevilla. Nesta cidade un piquete situouse preto dos xulgados onde precisamente hoxe estaba previsto que acudisen os membros da Manada. No País Vasco houbo diversos actos nas rúas, coma esta manifestación de Bilbao, e tamén tivo que ser suspendido o pleno do Parlamento por falta de quórum, xa que case todas as deputadas decidiron facer folga. O 8-M levou tamén as súas reivindicacións a Valencia con performance e outras actividades no centro da cidade.

Noticias web

08/03/2019