Manifestación multitudinaria en Viveiro polo futuro industrial da Mariña luguesa
Gran marcha este domingo en Viveiro polo futuro da Mariña, unha mobilización que chega nun momento clave para a comarca. Hai moito en xogo ante a ameaza de peche das plantas de Alcoa e Vestas.
Defenden unha vez máis a supervivencia e o futuro industrial da Mariña luguesa, unha comarca moi "castigada", din, e especialmente ameazada pola situación que vive Alcoa San Cibrao, cunha venda que non acaba de fraguar e co anuncio do peche da empresa de aeroxeradores Vestas.
"Hai unha conta atrás que se está acabando e que hai que tomar xa decisións, temos que intervir Alcoa, temos que solucionar o problema de Vestas, non hai tempo", di David Mariño, presidente do Comité de empresa de Vestas.
"Esiximos á ministra que deixe de bloquear a situación e que poidamos facer algunha operación grazas a que a SEPI triangule tal e como nos prometeu en varias ocasións", di Xosé Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.
A multitudinaria manifestación polas rúas de Viveiro contou co apoio de representantes dos diferentes partidos políticos.
Di Elena Candia, do PPdeG, que o "prioritario é que se cumpra o acordo e que a SEPI interveña para que continúen os postos de traballo na nosa comarca".
"Hai que poñer en práctica políticas ambiciosas que permitan darlle un futuro a esta comarca, por iso reclamamos un plan industrial", asegura Ana Pontón, voceira nacional do BNG.
Alfredo Llano, alcalde de Burela, di que "hai que reclamar que se asenten as empresas con todas as garantías porque aquí respóndese, porque aquí cando hai que traballar trabállase ben".
"Se non hai unha solución nestes días o que ten que haber é claramente unha intervención pública por parte da SEPI", insiste Antón Gómez Reino, de Galicia en Común.
A marcha de protesta estaba convocada polos tres sindicatos principais con representación en Galicia, UXT, CCOO e a CIG , ademais dos membros da Plataforma polo Futuro da Mariña. Esixen ao Goberno central e á Xunta que "poñan a vista nesta comarca" e que "dean solucións".