CRTVG

Buscar

Gandeiros e agricultores galegos anuncian protestas para reclamar prezos xustos

Publicado o 12/02/2020 12:09
Gandeiros e agricultores galegos anuncian protestas para reclamar prezos xustos

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) convocou unha manifestación para o próximo 19 de febreiro ante a Delegación do Goberno en Galicia, na cidade da Coruña, para esixir "prezos xustos" para o froito do traballo dos gandeiros e agricultores galegos, "coincidindo coa última semana" de protestas en España.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, precisou hoxe en Lugo que o motivo fundamental desta protesta é esixir "un prezo xusto" en orixe, que termine con "as imposicións por parte da distribución" e con "as marxes abusivas" que manexan os intermediarios.

De feito, García precisou que esas marxes "abusivas" poden chegar "ao 500 ou ao 600%" no caso dos produtores de horta.

Por outra banda, a manifestación servirá para esixir unha "negociación" real entre as industrias e intermediarios cos gandeiros e agricultores, para terminar con "os contratos de adhesión", nos que o produtor carece de marxe de manobra.

"Esiximos contratos libres, negociados en pé de igualdade", dixo Roberto García, para o que é necesario que "se tipifiquen como delito" as prácticas abusivas por parte de industrias e cadeas de distribución, coa "correspondente sanción económica" asociada.

Ademais, esixiu a creación da figura do "mediador" e que se establezan prezos que non poidan baixar, por lei, "dos custos razoables de produción".

De feito, Roberto García lembrou que aínda non hai un acordo pechado na Mesa do Leite e o mesmo pasa no sector do vacún de carne, onde os prezos "móvense" en marxes parecidas aos que había fai "30 anos".