Manifestación en Noia pola defensa do emprego na planta de reciclaxe de Lousame
Publicado o 10/10/2021 17:21
Os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame manifestáronse en Noia para reclamar a continuidade da súa actividade, que consideran en perigo. Saíron á rúa para esixir que se continúe co actual modelo de xestión de residuos, que temen poida cambiar cando finalice a concesión do servizo dentro de dous anos.
Os representantes dos traballadores amosaron a súa preocupación polo futuro das instalacións e para mañá convocaron unha xornada de folga que afectará á recollida do lixo. No acto estiveron presentes tamén representantes sindicais e políticos, entre estes, o secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero.