CRTVG

Buscar

Manifestación en Madrid a favor da prisión permanente revisable coa familia Quer

Publicado o 22/04/2018 13:26

• As familias de vítimas de delitos violentos foron os convocantes

A xuíza investiga se Abuín violou a súa cuñada no 2005

Madrid foi hoxe o escenario doutra marcha, neste caso en contra da derrogación da prisión permanente revisable, coa presenza dos pais de Diana Quer. A súa nai, Diana Lopez-Pinel, leu un manifesto no que pediu medidas de protección contra os criminais reincidentes. Pola súa parte, o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, dixo que non entende a postura dos socialistas neste tema.

As familias de varias vítimas de delitos violentos foron as que convocaron esta manifestación a favor da prisión permanente revisable, que discorreu polas rúas madrileñas entre a Porta do Sol e o Congreso dos Deputados. Os convocantes lembraron que contan xa con máis de tres millóns de sinaturas e pedíronlles aos partidos que se opoñen algunha medida alternativa.

A irmá de Diana Quer leu un poema en homenaxe á moza asasinada e a súa nai, Diana López-Pinel, foi a encargada de poñerlle voz ao manifesto do acto, no que reivindicou a voz dos cidadáns: "Temos que erguer a voz porque os políticos xa falaron. Agora a quen nos toca falar é aos cidadáns e creo que é unha homenaxe bonita ás vítimas e, ao mesmo tempo, dicir que imos seguir loitando, que non imos deixar esta loita nunca. Imos seguir poñendo en valor a vida de tantas e tantas vítimas".

En paralelo á manifestación, o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, aludía en Málaga á postura dos socialistas neste asunto: "En Francia foi un socialista, foi Mitterrand, o que creou a pena de prisión permente revisable. É que ningún goberno socialista que ten esa pena en Europa está propoñendo que se derrogue. Por que en España si?".

O ministro lembraba nun acto do PP  que a prisión permanente revisable está en vigor practicamente en todos os países da Unión Europea. A única excepción é Portugal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/04/2018