CRTVG

Buscar

Manda un SOS co móbil por erro e mobiliza os servizos de emerxencias en Pontevedra

Publicado o 09/09/2021 14:41

A mensaxe de socorro é unha función que teñen os teléfonos intelixentes e que podemos activar para, no caso de estar en perigo, alertar algún dos nosos contactos e que nos poidan localizar. Neste caso foi unha nai a que recibiu a mensaxe, pero seu fillo non estaba en perigo, activou a función por erro. A muller alertou a policía.

"Nós imos inmediatamente ata o lugar. Alí xa nos atopamos cunha ambulancia e segundos máis tarde aparecen varias dotacións do Corpo Nacional de Policía, incluso unha unidade especializada en desaparecidos, é dicir, mobilízanse practicamente as forzas policiais de Pontevedra. Faise unha revisión por toda a facultade, non se atopa a ninguén. Esa aplicación vai dando a posición onde se atopa e establecíao nun punto moi preto de aquí; alá se despraza a patrulla. O rapaz leva un  susto tremendo e entón é cando pide perdón, que efectivamente mandara sen querer esa mensaxe e que incluso unha vez mandada a mensaxe, sen darse conta apagou o móbil e iso foi o que desesperou a nai", explica ​ Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra.

Todo quedou nun susto, e os axentes constataron que foi un erro involuntario, pero advirten que se a alarma é intencionada: "Loxicamente ten consecuencias, ben na vía administrativa ou incluso na vía penal. Estamos falando de que aquí se mobilizaron recursos de servizos de emerxencia que nun momento determinado ao mellor tiñan que estar noutro lado", apunta o policía.

Noticias web

09/09/2021