Pendentes de se a Ribeira Sacra consegue ser Patrimonio da Humanidade
A Ribeira Sacra será candidata a formar parte do Patrimonio da UNESCO. O Consello de Patrimonio Histórico reúnese hoxe e mañá no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil para ultimar os detalles desa proposta.
Estamos en Nogueira de Ramuín. É un día importante para a Ribeira Sacra. Hoxe presenta os seus atractivos ao Consello de Patrimonio Histórico.
Ata mañá non se fai oficial, pero o entusiasmo sentíase xa hoxe no mosteiro de Santo Estevo. O Consello de Patrimonio Histórico elixe a Ribeira Sacra como candidatura española para ser Patrimonio Mundial.
De saír favorable todo o proceso, a UNESCO declararía Patrimonio da Humanidade a Ribeira Sacra no 2021.
A Ribeira Sacra é natureza e patrimonio. Unha paisaxe única, a dos canóns do Sil e do Miño, e a maior concentración de románico de Europa. Uns 1.500 bens inmobles catalogados e BIC que se agochan en fragas autóctonas.