CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo contra o home do Carballiño acusado de matar a súa muller no 2017

Publicado o 07/07/2019 21:06

Este luns comeza na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo contra o home do Carballiño acusado de matar a súa dona por asfixia no 2017. A fiscalía pide para o suposto homicida, en prisión preventiva, 14 anos de internamento nun centro psiquiátrico.

Os feitos remóntanse ao mes de xaneiro de 2017. O acusado levaba casado coa vítima 35 anos. Afectado por unha demencia frontotemporal, o matrimonio acordara deixar a súa residencia en Suíza para instalarse no Carballiño. Xa en Galicia, o home tivo que ser ingresado en varias ocasións na área de psiquiatría. Só uns días antes do suceso, acabou en urxencias tras empoleirarse no tellado do domicilio durante máis de cinco horas.

Segundo o escrito da Fiscalía, o 29 de xaneiro de 2017 o acusado rifou coa súa dona ao parecer porque non lle deixaba as chaves para saír da casa. Tras a dicusión, colleuna polo pescozo e asfixiouna. A familia foi a que alertou a Garda Civil preocupada porque non acudiran a un xantar. Os axentes localizaron o corpo da vítima no interior da vivenda onde o suposto autor estaba semiespido autolesionándose cun coitelo.

Os feitos son constitutivos dun delito de homicidio con agravante de parentesco. O Ministerio Público ten en conta a eximente completa de alteración psíquica polo que pide o seu internamento nun centro psiquiátrico durante catorce anos. A vista oral celébrase con xurado popular na Audiencia Provincial de Ourense.

Noticias web

07/07/2019