CRTVG

Buscar

Malta permite o desembarco dos 356 migrantes do Ocean Viking

Publicado o 23/08/2019 12:45
Malta permite o desembarco dos 356 migrantes do Ocean Viking

O Goberno de Malta confirmou hoxe que seis países europeos -Alemaña, Francia, Irlanda, Luxemburgo, Portugal e Romanía- acollerán aos 356 migrantes que están a bordo do barco humanitario Ocean Viking, fretado por Médicos sen Fronteiras (MSF) e SOS Méditerranée.

O primeiro ministro maltés, Joseph Muscat, informou nas redes sociais de que "tras un debate coa Comisión Europea e varios Estados membros, a saber Francia e Alemaña, Malta acordou ser parte da solución para a parálise do Ocean Viking, que conta con 356 persoas a bordo, sen prexudicar a súa posición legal".

O mandatario explicou que Malta trasladará estas persoas a barcos da súa Armada, fóra de augas territoriais, e levaranas "a terra firme", onde serán recolocadas entre os seis mencionados países. "Ningún quedará en Malta", apuntou o primeiro ministro.

O pasado 21 de agosto, SOS Méditerranée advertiu de que a embarcación necesitaba unha solución "rápida" para desembarcar aos seus 356 inmigrantes -entre eles 103 menores, a maioría non acompañados- e evitar que a situación dexenerara a bordo.

O Ocean Viking realizou catro rescates sucesivos entre os pasados 9 e 12 de agosto, e desde entón esperaba a unha distancia equidistante de Italia e Malta a que algún país europeo autorizase un porto no que poder desembarcar estas persoas.