CRTVG

Buscar

Mallan nun turista británico en Benidorm por avisar do calote dos trileiros

Publicado o 22/08/2019 13:40

En Benidorm, un turista británico recibe unha malleira tras alertar outros veraneantes do calote dos trileiros. Outro turista gravou a escena e publicouna nas redes para denunciar que este problema está en aumento e aconsellar evitar estas persoas se se visita a cidade.

Estas son as imaxes da malleira nunha zona ateigada de xente. A agresión que tivo lugar na céntrica rúa Girona, foi gravada e publicada en Youtube por outro turista que estaba presente. Nas imaxes vese como o grupo de caloteiros lle dá patadas no chan e bate con paus no mozo mentres os seus amigos tentaban defendelo. A vítima sufriu diversas feridas no corpo e na cabeza.

Un dos amigos do agredido relata que se decidiron a alertar a quen se congregaba ao redor dos estafadores despois de comprobar noutra visita a Benidorm hai dous meses que os trileiros enganaran unha señora maior na súa presenza.

O rapaz foi atendido nun centro de saúde e, a pesar da recomendación da Policía, desistiu de pór a denuncia ante a presenza dun dos trileiros que o seguíu ata as portas do ambulatorio. A mediados de mes un xuíz decretara unha orde de afastamento aos trileiros das rúas máis turísticas de Benidorm.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/08/2019