CRTVG

Buscar

Malestar tras catro meses de obras na estrada de Ourense a Monforte

Publicado o 11/03/2020 14:18

Usuarios da nacional 120, entre Ourense e Monforte, quéixanse da tardanza das obras nun treito de medio quilómetro afectado por desprendementos. Levan catro meses traballando na zona e aínda non hai data de remate. O tráfico está regulado por semáforos.

Dous semáforos, un en cada extremo da obra, regulan o tráfico pola nacional 120 ao seu paso polo termo municipal de Ourense.

Durante un treito de catrocentos metros, só se pode circular por un carril. O outro está ocupado pola maquinaria pesada das obras desde hai catro meses.

O desprendemento produciuse nunha noite chuviosa do 8 de novembro do ano pasado.

Durante vinte días estivo completamente cortada ao tráfico, con desvíos por Chantada e por estradas secundarias que atrasaban a viaxe ata Monforte en máis de 15 minutos, así que moitos condutores danse por satisfeitos compartindo un carril.

Advirten, iso si, de que os desprendementos son un problema recorrente nesta estrada.

Polo momento, a Dirección Xeral de Estradas non aventura ningunha data de finalización por se xurdisen imprevistos. As intensas chuvias deste inverno non provocaron novos desprendementos na zona, pero afectaron o ritmo das obras.

Noticias web

11/03/2020