Malestar polo atraso na reapertura das termas de Ourense
Primeiro foron as inundacións de decembro do 19, que inutilizaron estas pozas, situadas á beira do río, despois a pandemia, coas restricións nos espazos de uso común, e posteriormente a Lei de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, que inclúe unha serie de requisitos que estas instalacións non cumpren. Así as cousas, os usuarios habituais están indignados porque vai xa para dous anos que non poden usar as instalacións e non son poucos os que saltan precintos e valados, cos riscos que iso supón.
As termas do Muíño da Veiga, como as públicas de Outariz, a Chavasqueira e a piscina das Burgas, seguen pechadas pero dentro hai xente malia o estado das pozas, sen limpar en meses. A reixa instalada polo Concello para impedir o paso nas do Muíño da Veiga está forzada e retirada. "Prohibido prohibido non está. Non te debes meter, pero...". "Por exemplo, as da Burga eu non entendo por que está pechada. Isto é moi bo para todos", sinalan dous usuarios.
Nas da Chavasqueira, hoxe aínda non entrou ninguén, pero no río, onde tamén hai mananciais termais, os usuarios fan equilibrios sobre as rochas esvaradías.
Enrique Camoeiras, voceiro de Amigos das Termas: "Polas mañás vén moita xente maior, con muletas, con bastóns... E agarrándose uns aos outros. De feito, houbo algún contratempo, algunha persoa que rompeu a cadeira ou a perna".
Desde o Concello sinalan que están traballando na adaptación das instalacións á nova lexislación, pero sen concretar prazos polo momento.