CRTVG

Buscar

Málaga e Granada, as provincias máis afectadas pola gota fría en Andalucía

Publicado o 14/09/2019 21:41


Despois dunha madrugada en vela cunha tormenta eléctrica de pedrazo que deixaba os veciños ás escuras, riadas de auga que entraban nas casas, e máis de 340 incidencias nocturnas en Andalucía, os veciños de diferentes localidades de Málaga e Granada constataban esta mañá os danos, sen acabar de crer o que viviran.
Estas dúas provincias pasaban ás 4 da mañá de nivel de alerta laranxa a vermello mentres varias localidades do val da Guadalhorce vían como a enchente levaba por diante todo canto estaba ao seu paso. Así o viviron os veciños de Alahurín el Grande.

Polo menos unha ducia de coches foron arrastrados pola corrente, muros caídos, camiños cortados, e os danos en casas particulares están aínda por cuantificar.

Situación similiar a vivida en Granada a partir das 5 da mañá, onde os servizos de urxencias recibiron 147 avisos en Las Gabias e na propia capital, con anegamentos nas rúas, nas vivendas e vías cortadas.

Almería rexistrou tamén 35 incidencias, e a Policía Local rescatou dúas persoas que se viron sorprendidas polas acumulación de auga na A-350. Tamén se avalían os danos nos cultivos. En Xaén a auga arrastrou terra e valos e deixou estas imaxes en estradas secundarias.
Desta hora a AEMET só ten activados avisos amarelos en localidades de Córdoba e Sevilla.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2019