CRTVG

Buscar

Máis vixilancia e chamamento á responsabilidade para evitar xuntanzas no Entroido no Triángulo Máxico

Publicado o 10/02/2021 14:27

O Entroido na Limia é máis ca un sentimento, pero este ano esa paixón debe celebrarse só cos da casa. A situación epidemiolóxica non permite a reunión de non conviventes como advirte este bando emitido polo concello de Xinzo ante a sospeita de que se puideran estar organizando reunións en baixos, pisos ou mesmo palleiras.

"Si, din que si que hai xente que se xunta en palleiras, en locais... e fan festas, e con isto da covid, así andamos todos".

Xinzo entrou en restricións máximas antes que o resto de Galicia, debido á alta incidencia tras as xuntanza do Nadal.

"Por iso é mellor este ano amolarnos, mellor levar o Entroido como poidamos na casa a que a situación empeore. De feito os casos eran moitos e baixaron grazas ao esforzo da xente".

Un esforzo que agora algúns irresponsables poden botar por terra. Para evitalo, as forzas de seguridade reforzarán a vixilancia cos mesmos efectivos que calquera outro ano, pero centrados en evitar reunións de non conviventes.

"Non teño coñecemento de nada, pero si creo que a xente se vai xuntar igual, igual".

"Pois a min paréceme moi mal iso, todo porque por culpa duns pagámolos os outros".

"Eu creo que é a responsabilidade de cada un e a empatía cos demais".

Alberto Rúa, presidente da Asociación de Hostaleiros da Limia: "Afectados no sentido de que desas festas poden saír novos positivo e subir o número de contaxios. E nestes tempos a xente debería ter un pouco de cabeciña e non arriscarse".

Unha chamada ao sentidiño que tamén fan dende os centros hospitarios, onde a presión nas UCI segue a ser elevada.

Mar Vázquez, directora asistencial da área sanitaria de Ourense: "Comportamento solidario e responsable porque a presión asistencial aínda segue a ser moi alta. Así que, por favor, que a pobación celebre o Entroido no 2022".

Porque Entroido hai máis, pero vida, lembran, só hai unha.

Noticias web

10/02/2021