CRTVG

Buscar

Máis tensión, pero menos violencia nas protestas dos Estados Unidos

Publicado o 01/06/2020 07:24

A xornada do domingo volveu ser de protestas nos Estados Unidos polo asasinato do cidadán afroamericano George Floyd, pero esas manifestacións foron menos violentas que nas pasadas xornadas. As autoridades decretaran o toque de recollida nocturno nun total de 40 cidades de 20 estados dos EUA, entre elas Minneapolis, epicentro das protestas raciais e dos disturbios.

Dende a costa leste á costa oeste, unhas 25 urbes estableceran o toque de recollida nocturno, como Os Ánxeles, Denver, Miami, Atlanta, Chicago, Louisville, Rochester, Cleveland, Portland, Filadelfia,  Pittsburgh, Charleston, Nashville, Salt Lake City, Seattle ou Wisconsin.

No medio do caos, o policía acusado da morte de Floyd, que está imputado de homicidio en terceiro grao por imprudencia, tivo que se trasladado de prisión para facer sitio aos detidos nos disturbios.

Unhas 150 persoas detidas en Minneapolis

As forzas de seguridade en Minneapolis arrestaron uns 150 manifestantes que desafiaron o toque de recollida na primeira noite sen violencia na cidade desde que estalou a revolta racial.

A diferenza do sábado, cando policías e militares utilizaron a forza para dispersar as protestas, a estratexia deste domingo foi rodear por completo o grupo, que ao verse sen saída posible simplemente sucumbiu.

Os  uniformados detiveron os integrantes do grupo un a un sen que se rexistrasen incidentes.

Pese ao ton pacífico que tivo a manifestación da tarde, esta estivo marcada polo intento dunha persoa que conducía un camión cisterna de embestir contra as persoas que protestaban.

Volven os disturbios a Nova York ante a violencia policial

A violencia policial do sábado en Nova York tivo resposta en só 24 horas, con saqueos esta noite nas tendas de moda do Soho e en múltiples establecementos de electrónica e consumo da Quinta Avenida, nunha nova xornada de disturbios e violencia nas rúas na Gran Mazá.

Aínda que durante o día as múltiples manifestacións en contra do racismo polo caso George Floyd nos distritos da Gran Mazá foron pacíficas, grupos de mozos optaron pola violencia caída xa a noite tanto no Baixo Manhattan como, en menor medida, no Barclays Center de Brooklyn.

Os manifestantes, que chegaron ao  Soho procedentes de Brooklyn a través da ponte de Manhattan baixo a consígna "Black Lives Matter" (as vidas dos negros importan), saquearon e esnaquizaron os escaparates de tendas de moda e atravesaron Washington Square en dirección á Quinta Avenida, onde entraron para roubar en tendas de electrónica.

Con todo, esta noite os axentes policiais, que onte chegaron a deter a filla do alcalde, tiveron unha actuación moito máis contida que a véspera, cando dous vehículos policiais chegaron a levar por diante numerosos manifestantes.

Os manifestantes violentos, que saqueaban as tendas para logo repartir os botíns, e os que eran pacíficos mesturábanse constantemente, por iso se podía oír moitos mozos berraren á policía "non me dispares" mentres outros corrían levando artigos das tendas tras esnaquizar os seus escaparates.

A policía de Nova York informou de que desde as protestas do pasado venres detivo un total de 730 persoas. Onte, o día dos peores altercados, producíronse 345 arrestos despois dunha noite caótica de protestas e saqueos na cidade de Nova York pola morte de George Floyd que causou 33 policías feridos e 47 vehículos policiais danados.

Policías de Nova York e Nova Jersey de xeonllos en solidariedade

Axentes da cidade de Nova York e de Camden (Nova Jersey) puxéronse de xeonllos ou alzaron un puño ao paso das manifestacións en contra do racismo, nun xesto de solidariedade coas protestas que axude a recobrar a normalidade, lonxe da violencia destas noites en múltiples cidades dos Estados Unidos, con enfrontamentos entre cidadáns e forzas da orde.

Os Ánxeles: a violencia e o coronavirus apagan a cidade da estrelas

Os Ánxeles, a cidade das estrelas, vive un dos momentos máis tensos que se lembran. A cidade máis azoutada polo coronavirus en California é agora escenario de graves disturbios; se os seus emblemáticos cinemas e estudos xa pecharon, agora o toque de recollida terminou de cambiar completamente a súa paisaxe.

Calquera actividade comercial parece clandestina. Os negocios blindáronse ante novas ondas de violencia e as tapias cobren completamente as súas fachadas mentres os clientes acceden un por un respectando a distancia de seguridade.

Polas rúas, un constante son de sirenas de policía e de helicópteros e a presenza de camións da Garda Nacional fan que todo pareza unha desas películas que hai meses que deixaron de rodarse.

O toque de recollida rebaixa a intensidade das protestas en San Francisco

O toque de recollida decretado este domingo en San Francisco, San José e outras cidades da área da Baía de San Francisco foi maioritariamente seguido polos manifestantes e evitou que se producise unha onda de saqueos a grande escala como na noite anterior.

En San Francisco, os manifestantes concentráronse pola tarde ante o Concello, que estaba vixiado por un gran despregamento policial, e desde alí marcharon pacificamente a outros puntos do centro da cidade, como os cuarteis da Policía, o Palacio de Xustiza e os accesos á autoestrada.

Con lumes, os manifestantes desafían o toque de recollida en Washington

Con fogueiras fronte á Casa Branca e incendios noutros puntos de Washington, os manifestantes responderon este domingo ao toque de recollida decretado na capital estadounidense.

A restrición, que se fixo efectiva a partir das 23:00 hora local (3:00 GMT do luns) e incluía o despregamento da Garda Nacional, non impediu que os manifestantes que desde moi pronto se congregaron fronte á Casa Branca desobedecesen a orde de marcharaen.

En cambio, acenderon fogueiras nas zonas adxacentes á Casa Branca, incendiaron algúns comercios e atacaron con pedras e outros obxectos as fachadas de varios establecementos.

En Twitter circulaba unha imaxe aérea de Washington en que se observaba o seu icónico obelisco rodeado de espesas columnas de fume. Na cidade escoitábanse pequenas detonacións e o paso de helicópteros sobre as zonas afectadas.

Os manifestantes volvían este domingo por terceiro día consecutivo á Casa Branca e logo ao Congreso para reclamar xustiza polo asasinato de George Floyd. "Sen xustiza non hai paz", era un dos berros máis insistentes que se mesturaba co "non podo respirar", en alusión ao pedimento de Floyd, quen faleceu o luns pasado pola noite despois de ser detido de forma violenta baixo sospeita de tentar usar un billete falso de 20 dólares nun supermercado.

Trump anuncia que designará Antifa como grupo terrorista

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou que designará Antifa (movemento antifascista) como organización terrorista, ao acusala de estar detrás dos disturbios raciais que veñen sucedéndose en todo o país.

"Os Estados Unidos de América designarán Antifa como unha organización terrorista", chiou en Twitter Trump cando miles de persoas en todo o país se preparaban para protestar de novo pola morte de George Floyd.

Paralelamente ao anuncio de Trump, o fiscal xeral, William Barr, emitiu unha declaración en que asegurou que o Departamento de Xustiza activará ás 56 oficinas da Forza de Tarefas Conxunta do FBI para identificar "grupos radicais e axitadores externos" que aproveitan para "seguir a súa propia axenda".

O movemento antifascista estadounidense, coñecido como Antifa, é un pequeno pero ruidoso movemento radical que, tras a chegada de Trump á Casa Branca, se fixo cada vez máis activo contra as manifestacións dos supremacistas brancos.

Nun chío de resposta, a representante demócrata Alexandria Ocasio-Cortez, unha acérrima crítica de Trump, preguntouse por que o FBI non trata os supremacistas brancos como grupos de terrorismo interno, e lembrou que ela tratou o tema no Congreso.

Tamén a Unión Estadounidense de Liberdades Civís (ACLU) criticou inmediatamente o anuncio de  Trump e dixo que mostra que "o terrorismo é unha etiqueta inherentemente política, da que facilmente se abusa e está mal utilizada".

Trump foi protexido no búnker da Casa Branca polos disturbios

O Servizo Secreto, encargado da seguridade do presidente dos EUA protexeu no búnker subterráneo da Casa Branca a Donald Trump o pasado venres debido ás protestas que tiñan lugar fóra, informaron hoxe medios locais.

O New York Times indicou que o presidente foi levado ao búnker o venres á noite mentres os manifestantes se enfrontaban cos axentes do Servizo Secreto para retirar as barreiras metálicas instaladas fronte ao enreixado que rodea a residencia presidencial.

Segundo CNN, Trump estivo no  búnker preto dunha hora antes de regresar ao sector da Casa Branca que lle serve de residencia, mentres no exterior os manifestantes tiraban pedras e mantiñan escaramuzas cos axentes.