CRTVG

Buscar

'Máis que ver. Cen historias do deseño en Galicia', de Pepe Barro

Publicado o 19/10/2018 18:08

Pepe Barro está traballando diante do seu ordenador na Coruña. O deseñador acaba de publicar 'Máis que ver, cen historias do deseño en Galicia'.

"Unha colección de cen historias que intentan comentar a importancia da imaxe na cultura galega. O libro mostra moitas imaxes que nos rodean e que non sabemos a súa orixe".

Móstranos a xaboneira Orrab deseñada polo seu avó e fálanos da máquina de Mallar Campeva ideada por outro avó. Así empeza a viaxe pola historia do deseño en Galicia que propón o libro, un xeito de interpretar as imaxes que nos rodean.Preguntámoslle cal é o símbolo máis forte de Galicia e, sen dubidalo, resposta cuncha da vieira, símbolo de orixe desoñecida e cunha forza que atravesa varios séculos.

Pepe Barro, deseñador

"As máis antigas coñecidas aparecen en tumbas de peregrinos do século XI. Agora mesmo algúns supermercados úsanas como símbolos. A cuncha sigue viva neste século".

A bandeira non é unha interpretación da do Porto da Coruña. Nin mostra o río Miño. Case seguro que foi unha invención de Manuel Murguía e a súa filla Alexandra.

"Sábese que primeira vez que aparece a bandeira galega e na translación dos restos de Rosalía de Iria a Bonaval, ao Panteón de Galegos Ilustres".

O libro conta como a Cruz de Santiago segue a ser o gran símbolo dos galegos en América.
Outra curiosidade é a orixe da tipografía inventada por Castelo e inspirada no Pórtico da Gloria. Fala de recoñecidos deseñadores como Camilo Díaz Valiño e destaca nomes esquecidos como Ramón Blanco Casal, gañador de inumerables premios en toda España ou de Reimundo Patiño, un heterodoxo e visionario que traballaba no departamento de impagos dun banco. Revélanos tamén un Luís Seoane descoñecido.

"Seoane conecta coa xeración Arte concreto e invención, con personaxes como Tomas Maldonado que vai acabar na escola herdeira de Bahaus. Seoane reelabora a sua obra en función do que aprende con esta xente mais nova".

Falemos do autor: Pepe Barro, corenta anos de actividade en medios, deseñando libros, exposicións ou, por exemplo, as camisetas da Selección Galega de Fútbol. Da importancia dos seus deseños fala por exemplo a premiada Caixa de Ovos que marcou unha diferenza nos estantes dos supermercados. Así ve o futuro do deseño en Galicia.

"A nova xeración de deseñadores poderíase definir como A xeración triunfante".

Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza esta formado por artigos publicados e non publicados en xornais como 'Sermos Galiza'.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2018