CRTVG

Buscar

Máis mulleres ca homes foron atendidas por problemas co alcol en 2016

Publicado o 25/07/2017 21:22

É un dos datos que se extraen dun estudo elaborado dende a rede de atención das adiccións, que queren incidir na perspectiva de xénero para elaborar as súas accións

O alcol é a droga máis consumida polas persoas atendidas para superar a súa adicción durante o ano pasado, e entre elas houbo máis mulleres ca homes. É un dos datos que se extraen dun estudo elaborado dende a rede de atención das adiccións, que queren incidir na perspectiva de xénero para elaborar as súas accións.

O estudo do perfil de usuario dalgunha das 158 organizacións españolas inseridas dentro da UNAD, a rede de atención ás adiccións, recaba os datos de máis de 55 mil persoas que atenderon durante o ano pasado. 

A grandes rasgos, o usuario é un adulto de 26 a 44 anos, que consome varias drogas e recibe tratamento principalmente por causa do alcol. Logo desta substancia, a máis consumida é a cocaína. Ademais, a porcentaxe de persoas que solicitaron axuda por teren problemas coa heroína baixou un 15 por cento con respecto a 2015. Os responsables deste estudo destacan que é importante contar coa perspectiva de xénero.

O ano pasado foron máis mulleres ca homes as que foron atendidas por teren problemas co alcol. Ademais, elas consomen o dobre de ansiolíticos e somniferos. Pero piden axuda antes ca eles. Máis da metade das persoas que acoden a estas entidades levan máis de once anos coa súa adicción.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/07/2017