CRTVG

Buscar

Máis de dez millóns de infectados no mundo e preto de medio millón de mortos polo virus

Publicado o 29/06/2020 18:11
Máis de dez millóns de infectados no mundo e preto de medio millón de mortos polo virus

Os casos confirmados de COVID-19 no mundo superaron oficialmente os dez millóns, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), que leva o reconto das vítimas da pandemia de coronavirus en base ás informacións que recibe das autoridades sanitarias nacionais.

En apenas cinco días acumuláronse un millón de novos casos, o que mostra ata que punto a curva de infeccións segue ascendendo, cos focos máis graves localizados na India, nos Estados Unidos e no Brasil. Na última semana romperon récords consecutivos de casos diarios, chegando a rexistrarse 191.000 casos nunha soa xornada.

Varios focos infecciosos están a expandirse rapidamente e preocupan os responsables da OMS, como o que se rexistra agora na rexión do Mediterráneo oriental, onde os casos superaron o millón. Esta rexión xera unha preocupación particular por ser escenario dalgúns conflitos armados de proporcións, como os que afectan a Siria, O Iemen e Libia, o que causou que as súas infraestruturas hospitalarias e sistemas sanitarios en xeral sufran de enormes carencias.

Por outra banda, as mortes no mundo directamente atribuídas á COVID-19 chegarán dun momento a outro ao medio millón. Agora cífranse en 499.619, segundo o reconto da organización que coordina os esforzos internacionais contra a pandemia, desde o punto de vista da asesoría aos países, da distribución do material indispensable para os máis pobres e da mobilización dos recursos para desenvolver e facer accesibles a todos as tecnoloxías relacionadas cos tests de diagnóstico e futuros tratamentos e vacinas.

A Universidade John Hopkins xa informou este luns na súa páxina web que o número de mortos por coronavirus en todo o mundo situouse en 501.940 e que o de contaxios alcanzara os 10.146.971.