Máis da metade dos rescates marítimos realízanse en embarcacións de recreo
Unha tranquila e apracible mañá de domingo no mar pode converterse nun pesadelo. Un lume a bordo pode poñer en perigo a tripulación dun barco, tanto se cae ao mar coma se queda dentro da embarcación.
Tras esa mensaxe de socorro, están Salvamento Marítimo e o servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizan coordinadamente a todos os efectivos que permiten tanto por terra coma por mar garantir o rescate dos tripulantes.
En Galicia, máis da metade dos rescates realízanse en embarcacións de recreo que quedan á deriva.
O simulacro, seguido dende terra por moitas persoas e autoridades, é un exercicio máis que serve para visibilizar un traballo de vital importancia e ás veces feito en condicións moi extremas, sobre todo en inverno, cando son os pesqueiros os que pasan a efectuar esas chamadas de auxilio.
Mesmo nas competicións deportivas é preciso garantir todas esas medidas de seguridade. Como por exemplo, esta fin de semana en Baiona, onde se celebra o Campionato do Mundo de Endurance, con embarcacións que chegan aos 150 quilómetros por hora e son tripuladas por piloto e copiloto.