Telexornal Serán FDS
Máis de mil rapaces participan no Día da Ciencia na Rúa da Coruña
Publicado o 05/05/2018 21:32
Na Coruña foi a Ciencia a que saiu á rúa. Máis de mil rapaces mostraron os seus traballos nunha xornada de divulgación en familia para experimentar e aprender a través do xogo.
Chegan co aliciente de mostrar e compartir os seus coñecementos científicos.
A ciencia namora a través de demostracións e de talleres que os rapaces preparan durante meses. Trátase de aprender experimentando, de enriquecer o traballo propio observando as propostas dos demais.
No Día da Ciencia na Rúa hai volcáns en erupción, arte reciclada para lanzar mensaxes ecoloxistas e tornados de lume creados a partir dunha combinación de ácido bórico, alcol e algodón.
É a edición número vinte e tres do Día da Ciencia da Rúa. Á cita sumáronse cunha xornada de portas abertas os museos científicos municipais, o MUNCYT e a Torre de Hércules.