CRTVG

Buscar

O interior de Galicia está baixo aviso amarelo por treboadas pola tarde

Publicado o 26/08/2019 15:37

As provincias de Lugo e Ourense teñen aínda ben recentes as imaxes das treboadas deste domingo. Para hoxe espérase que se repitan, xa que un novo episodio de chuvascos treboentos afectará o interior e o leste da comunidade principalmente, e farase notar pola tarde.

Juan Taboada, meteorólogo: "Hoxe continúa a inestabilidade pero as tormentas sucederanse pola tarde principalmente, cando se achegue unha temperatura elevada na superficie. Vanse concentrar nas provincias de Lugo e Ourense principalmente, aínda que non podemos desbotar que algún destes fenómenos suceda no litoral".

Onte xa se rexistraron 1.339 raios en Galicia. Un deles caía preto de Quiroga sobre un tren que ía da Coruña a Barcelona. O Alvia quedou bloqueado e mesmo houbo que desaloxar os 204 pasaxeiros por un incendio. Finalmente puideron continuar coa viaxe unha hora despois.

Para hoxe está activo un aviso amarelo dende as 12 do mediodía ata as nove da noite en boa parte de Galicia.

Juan Taboada, meteorólogo: "Abarca todo o interior da comunidade. Aviso amarelo por intensidade de chuvia e por intensidade das tormentas".

Estes fenómenos, que se dan polo choque entre o aire cálido da superficie e o aire frío na atmosfera, son habituais a estas alturas do verán, de feito mesmo o recolle a sabedoría popular.

Juan Taboada, meteorólogo: "O día 24 de agosto foi San Bartolomeu e hai un refrán que di que por San Bartolomeu, tormentas arreo".

Nas vindeiras xornadas, as treboadas desprazaranse cara ao Mediterráneo, e gozaremos de novo dun tempo estable.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019