Máis de dez anos de espera para conseguir un nicho no cemiterio de Sarria
O cemiterio de Sarria acumula ata 300 solicitudes de sepultura debido á falta de espazo, con listas de espera de máis de dez anos. Mentres, moitos veciños tiveron que incinerar os seus seres queridos ou incluso buscarlles outro camposanto.
"Sempre houbo escaseza de deles. Iso xa vén de moitos anos atrás. Non é de agora, que sempre houbo escaseza de nichos. E eu vexo que hai bastantes deles que están abandonados, nos cemiterios anteriores". "A xente de Sarria, moitísima xente, estamos en listas esperando a ampliación disto para comprar os nichos. Todo boas palabras, pero os feitos non van a ningures. E nós levamos así pois cinco anos", comentan os veciños.
Na última década, ata tres gobernos locais consecutivos intentaron, sen éxito, solventar a escaseza de nichos. Agora, agárdase que o problema poida por fin solucionarse coas obras de ampliación iniciadas este mesmo mes.
"Estiveron paradas case dous anos ou así, e agora estanas empezando. Non digo que ao mellor cubra toda a necesidade, pero penso que é unha solución". "Fai moita falta. Moitísima. Isto e bastantes máis. Penso que ata o dobre deles máis, porque aquí pasa calquera cousa e non hai, non queda para onde poder facer algo. Pasa unha desgraza nunha casa e non teñen nin o remedio de dicir que se pode comprar algo", engaden.
Os traballos de ampliación, cos se construirán máis de 300 novos nichos, teñen un presuposto superior aos 200.000 euros.