CRTVG

Buscar

Máis de cincuenta municipios galegos acollen concentracións para condenar o crime de Samuel

Publicado o 05/07/2021 12:02

Asociacións LGTBIQ+ convocaron en máis de cincuenta municipios galegos concentracións para este luns. Terán lugar ás oito desta tarde e o obxectivo é o de mostrar a denuncia e repulsa pola morte dun mozo de 24 anos por unha malleira ocorrida na madrugada do sábado na Coruña.

A cidade onde se produciron os feitos acollerá unha concentración na Praza María Pita. O suceso que motiva estas protestas tivo lugar na Avenida de Buenos Aires da cidade herculina minutos despois das 03:00 da madrugada do sábado, cando unha serie de persoas propinaron unha malleira mortal ao novo. Os feitos seguen baixo a investigación da Policía Nacional.

Desde a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) de A Coruña queren ser cautos e din que algunhas testemuñas confirmaron que houbo gritos homófobos e que será a xustiza quen dictamine se se produciron ou non. Ana García, presidenta de ALAS Coruña, nunha entrevista realizada no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, destacou que "se non pensaran que era gai, Samuel estaría vivo".

Amosou a súa preocupación pola escalada de violencia que está a haber tamén noutras cidades e que aumentou o acoso nas redes sociais. García amosou todo o seu apoio á familia de Samuel e o seu entorno e matizou que a xustiza ten que lembrar que estes delitos de odio existen.

A presidenta de ALAS confirmou que nas últimas horas unha muller transexual sufrira tamén unha agresión en Santiago. Dixo que polo de agora ten poucos datos e sabe que a empurraron contra unha parede. 

Noticias web

05/07/2021